Crónica del sur de Lugo

O alcalde de Monforte aproba aumentar un 50% a partida de emerxencia social pola crise do coronavirus

Ademais, Tomé anunciou que non vai xirar os recibos de cinco servizos municipais a particulares, e non cobrará o lixo e a taxa de terrazas aos establecementos afectados polo peche durante o estado de alarma

Na mesma xornada, o alcalde convocou unha reunión urxente da Xunta de Portavoces, para informar das medidas aprobadas a través deste decreto. GPCM

O Goberno local de Monforte deu luz verde a unha serie de medidas económicas de carácter social, para facer fronte ás consecuencias da pandemia do coronavirus entre as persoas máis necesitadas. Entre estas medidas, está un aumento do 50% na partida adicada á emerxencia social, ademais de non cobrar varios servizos municipais a particulares, e taxas de lixo e de terrrazas a establecementos pechados por mor do estado de alarma.

MÁIS RAPIDEZ NA APLICACIÓN DAS MEDIDAS

Co fin de actuar coa máxima rapidez, e dado que o actual estado de alarma impide a reunión dos órganos colexiados municipais, o alcalde, José Tomé decidiu aplicar a normativa municipal para afrontar este tipo de situacións extraordinarias. Así, na mañá do luns 23 de marzo, o rexedor aprobou un decreto que lle permite recuperar as competencias delegadas habitualmente na Xunta de Goberno, e promulgar decretos e resolucións durante este periodo.

Deste xeito, na propia mañá do 23 de marzo, o alcalde de Monforte aprobou diversas medidas de corte social, para intensificar o apoio ás persoas máis desfavorecidas, así como garantir servizos municipais e sociais. Ademais, o rexedor deu luz verde á condonación de diversas taxas e impostos, para aliviar a situación de particulares e pequenos autónomos afectados polo estado de alarma.

APOIO ESPECIAL AOS COLECTIVOS MÁIS DESFAVORECIDOS

O rexedor monfortino decretou aumentar nun 50% a partida destinada a emerxencia social, que supón pasar dos case 50.000 euros actuais ata os 75.000, coa posibilidade de ampliala se a situación de crise se agrava. Neste sentido, a tenente de Alcalde, Gloria Prada, a instancias do rexedor, vai recomendar aos técnicos dos Servizos Sociais municipais “xenerosidade” nos seus informes, de xeito que interpreten favorablemente as petición para que se poidan beneficiar o maior número posible de persoas. Este bloque de acción complétase cun aumento do 50%, ampliable se fose necesario, no número e valor das axudas por persoa e ano. Ata agora, cada beneficiario destas axudas podía optar a un máximo de 600 euros por ano, mentres que o actual decreto pola crise do coronavirus eleva ata os 900 euros o máximo da percepción anual por persoa.

ANTICIPO DE 5.000 EUROS A CÁRITAS MONFORTE

Logo de manter unha conversa telefónica co párroco Rafael Mella, presidente de Cáritas Monforte, o alcalde decretou un anticipo de caixa de 5.000 euros para que esta entidade poida custear vales de compra de alimentos, ou o pago de pequenos recibos domésticos, con destino ás persoas máis desfavorecidas.

CONVENIO «URXENTE» CON CRUZ VERMELLA PARA SERVIR ALIMENTOS A DOMICILIO A PERSOAS EN RISCO

Unha situación similar planteouse con Cruz Vermella, trala conversa do alcalde con Luis Abelleira, presidente desta entidade na provincia de Lugo. Deste xeito, o Consistorio monfortino establecerá un convenio urxente con Cruz Vermella que lle permitirá disponer dun anticipo de caixa de entre 5.000 e 7.000 euros. Estes fondos servirán para que os voluntarios de Cruz Vermella sirvan a compra de alimentos e produtos de primeira necesidade a aqueles cidadáns que, por problemas de mobilidade ou para evitar o contaxio do coronavirus, non poidan saír dos seus fogares. Para empregar este servizo, os usuarios contactarán con Cruz Vermella, indicando os produtos que necesitan. Os voluntarios da entidade farán a compra e a trasladarán aos domicilios dos usuarios, que deberán aboar o importe ao voluntario no momento da entrega. O diñeiro recadado será custodiado pola Cruz Vermella ata que remate esta crise e xa non se precise deste servizo. Entonces, será o momento en que a entidade cadre contas co Concello, para reintegrar a axuda adiantada.

ASISTENCIA AOS MEMBROS DO CIRCO NEVADA

Dende o Concello tamén aprobaron unha axuda para atender as necesidades de alimentos e medicinas dos membros do Circo Nevada, que non poden regresar ás súas casas debido ao estado de alarma. A tenente de Alcalde, Gloria Prada, xunto a membros dos Servizos Sociais, mantivo encontros con representantes do Circo Nevada, para coñecer as súas necesidades e establecer esta colaboración.

CONXELACIÓN DE XIROS DE RECIBOS E TAXAS PARA PARTICULARES E AUTÓNOMOS

Nas medidas extraordinarias que o alcalde decretou este luns, atópanse iniciativas que benefician a particulares e pequenos autónomos. Segundo este decreto, mentres dure o estado de alarma o Concello non vai xirar os recibos da piscina e da gardería municipais, así como os das Escolas Deportivas, o Conservatorio e a Escola de Música.

Pola súa banda, os bares e establecementos que poidan acreditar o peche obrigado dos seus locais por mor da crise do coronavirus, quedarán exentas de pagar as taxas do lixo polo periodo total no que estiveron pechados. A mesma moratoria aplicarase ao cobro das taxas de terraza para bares e restaurantes que non puideron montalas debido ás medidas do estado de alarma.

MANTEMENTO DO SERVIZO E DOS POSTOS DE TRABALLO NAS CONTRATAS MUNICIPAIS

Outra das medidas posta en marcha dende o Concello ten que ver co mantemento do persoal da empresa que realiza o servizo de axuda a domicilio. Tomé garantiu aos representantes da empresa FEPA que manterá a facturación para que siga prestando os mesmos servizos. Esta decisión xurdiu trala baixa de varios usuarios deste servizo, por medo a posibles contaxios. A diminución do servizo podería levar á empresa a solicitar un ERTE ou proceder ao despido de traballadores. Co mantemento dos pagos de facturación, o Concello “aposta polo mantemento da calidade dos servizos”, ao tempo que axuda á continuidade dos postos de traballo desta empresa.

Unha situación similar estase a producir con FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo. Debido á diminución do volumen de lixo e suciedade, dende o Concello garantiron que se vai manter a facturación coa empresa, evitando así que recurra a despidos de persoal por descenso de actividade. Tomé cualificou esta medidas como “unha aposta decidida por manter o emprego e a calidade dos servizos das empresas que teñen contrato co Concello”.

INSTRUCCIÓNS A AQUALIA PARA UNHA “ATENCIÓN EFICAZ” DAS POSIBLES INCIDENCIAS

Ademais, o alcalde de Monforte trasladou a Aqualia unha instrucción para que a concesionaria siga ofrecendo “un servizo de calidade cos cidadáns”, mediante unha atención telefónica “eficaz”, logo do peche obrigado das oficinas de atención directa. Deste xeito, trátase de garantir a solución de incidencias ou avarías durante o estado de alarma.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

     
Ir a Inicio