Crónica del sur de Lugo

O Concello de Ribas de Sil quere impulsar as Patronais cunha festa de corte histórico e unha feira do viño

Dende o Goberno local fixeron unha proposta aos veciños por Facebook, para saber se están dispostos a participar nunha posible Feira do Século XIX • A idea da Feira do Viño daría protagonismo ás adegas da subzona Quiroga-Bibei

A contorna da Praia Fluvial de San Clodio, en Ribas de Sil, é un escenario envidiable para calquer tipo de celebración lúdica. (Arquivo EC)

A mediados de febreiro, o Goberno local de Ribas de Sil planteou á veciñanza unha proposta para renovar o programa das Festas Patronais, que se celebran do 14 ao 16 de agosto.

TRADICIÓN E MODERNIDADE
O Consistorio informou desta iniciativa mediante unha nota de prensa, que recollía o texto divulgado a través da conta que o Concello ten en Facebook. A proposta recolle en tres puntos unha fórmula que combina os elementos máis tradicionais das festas con iniciativas «para adaptarse aos novos tempos», e que están a ter notable éxito noutros municipios.

RECUPÉRANSE OS FOGOS ARTIFICIAIS
Unha vez superados «os anos máis duros da crise», nos que o Goberno local decidiu prescindir da pirotecnia festiva para adicar os fondos a custear servizos, Ribas de Sil volverá ter fogos artificiais o 16 de agosto, día grande das Patronais.
Para esta mesma data, o Concello quere organizar unha Feira do Viño da subzona Quiroga-Bibei, «convidando a participar a todas as adegas desta demarcación».

RECREACIÓN DA CHEGADA DO TREN A SAN CLODIO EN 1883
Como evento estrela, o Goberno local de Ribas de Sil ofrece a posibilidade de organizar unha Feira do Século XIX, recreando a chegada, en 1883, do ferrocarril a San Clodio. Segundo explicaron dende o Concello, esta efeméride permitiría desenvolver unha feira de época, recreando a viaxe inaugural que realizou naquel ano o rei Alfonso XII e a familia Batanero, entre outros personaxes ilustres.
O Concello de Ribas de Sil quere saber a opinión dos veciños, xa que a súa participación nun evento deste tipo «é imprescindible».
Logo da consulta a través da rede social, o Goberno local convocará unha reunión cos veciños «para falar destes temas e recoller ideas».•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

     
Ir a Inicio