Crónica del sur de Lugo

A renovación do alumeado público en Bóveda traerá un aforro do 73% na factura eléctrica

•O proxecto inclúe a substitución de 432 puntos de luz e 8.000 metros de liñas eléctricas

Xa se ten completado o 60% do proxecto de renovación do alumeado público en Bóveda. GPCB

O Concello de Bóveda está a executar o proxecto de renovación do alumeado público, cun investimento de 225.470 euros.

COFINANCIADO AO 80% POLO MINISTERIO, E O RESTO CON FONDOS MUNICIPAIS
Desta cantidade, o 80% está financiado a través dunha achega do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica, e que supón un total de 180.000 euros. Os 45.000 euros restantes proceden de fondos propios do Concello de Bóveda.

LÁMPADAS MÁIS EFICIENTES E CADROS ELÉCTRICOS MÁIS SEGUROS
Segundo informaron os responsables municipais, o proxecto, do que xa se ten executado o 60%, suporá a substitución de 432 farois convencionais por novas lámpadas tipo LED, con mellor rendemento lumínico e menos gasto enerxético. Así mesmo, estanse a colocar 18 novos cadros eléctricos con acendido a través de programador astronómico, e cun sistema de protección fronte a sobretensións transitorias, térmicas e temporais. Por último, o proxecto contempla a renovación de 8.000 metros de liñas eléctricas.

O AFORRO, EN CIFRAS
Dende o Concello de Bóveda destacaron as vantaxes económicas que suporá esta renovación para as arcas municipais, cun aforro estimado do 73%. Segundo os datos aportados polos técnicos, pasarase dos 141.028 kilovatios hora actuais a tan só 38.489.
LOCALIZACIÓNS DOS ALUMEADOS NOVOS
Os traballos do Concello para renovar o alumeado público abranguen a capitalidade e tamén un amplo número de núcleos nas parroquias. Así, estase a actuar en Bóveda, Ribas Pequenas (Souto-A Veiga e Chorente), Rubián, Freituxe (Covelo), Ver (Os Paxaros, Martín, Lamela, A Lomba, O Couso), Teilán (Ribeira, A Chá), Tuimil (Xulián, Barxa, O Moredo, Mazaira, Meruz, Vilaboa), Martín (Bustelo, O Val, Regulfe, Filgueiro, Outeiro, Casbeiro e Piñeiro), Vilalpape (Vilarbuxán, Marzán, e Val de Miotos), Remesar (Augalevada, A Portaxe, e Fontaíña) e Mosteiro.
O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, salientou a importancia deste proxecto “de gran envergadura para a localidade”, e que suporá un gran aforro nas contas municipais. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio