Monforte estrea bus urbano gratuíto, xeolocalizable e accesible

•O novo vehículo aposta polas novas tecnoloxías e a saúde: wifi de balde, puntos de recarga USB e desfibrilador

Na viaxe inaugural, participaron o alcalde, José Tomé, e a responsable da empresa adxudicataria, Pilar Sánchez, ademais de membros da Corporación local, o 1 de febreiro. (Foto: MONTERO)

O Concello de Monforte vén de renovar o servizo de transporte público coa introdución dun novo vehículo, con máis prestacións adaptadas ás necesidades dos cidadáns, e de xeito gratuíto.

UN BUS “MODERNO” E “CUN FIN SOCIAL”
O bus urbán presentouse en sociedade o 1 de febreiro, nun acto no que o alcalde, José Tomé, explicou as características deste vehículo, co que se cumprirá “un fin social, ao tempo que fomentará a concienciación sobre o uso do transporte público”. Tomé destacou que o vehículo que xa presta servizo por Monforte dende este mes é “moderno, accesible, gratuíto e adaptado”, xa que “dá resposta ás necesidades de todas as persoas, incluídas as que teñen mobilidade reducida ou algunha discapacidade”.

O novo autobús municipal mantén as rutas e horarios de sempre, estando operativo de 8 da mañá a 8 da tarde. GPCM

VERMELLO, COMO O PRIMEIRO BUS QUE TIVO MONFORTE
Aínda que o servizo de tranporte público leva xa anos funcionando en Monforte, o rexedor salientou o feito de que sexa gratuíto e moderno.
Por fóra, o bus urbán, de cor vermella, vai rotulado co escudo e o logotipo do Concello de Monforte de Lemos. Por dentro, o vehículo conta con 36 prazas,15 delas para ir de pé e 21 asentos con cinturón de seguridade, máis dúas prazas para usuarios con mobilidade reducida. Estes viaxeiros poden beneficiarse da rampla de acceso, a través da porta de servizo de dobre folla.

AVISO DE PARADA, INFORMACIÓN DE HORARIOS E SITUACIÓN EN TEMPO REAL
Para non despistarse de parada, o bus informa por altavoz do avance da ruta, ademais de ir amosando o itinerario nunha pantalla de televisión. Os usuarios tamén poden saber en todo momento onde se atopa o bus urbán, grazas ao xeolocalizador GPS a través dunha aplicación para dispositivos móbiles.

DETECTOR DE FATIGA E ALCOHOL NO CONDUTOR
En canto á seguridade, ademais dos dispositivos técnicos como limitador de velocidade, detector de cambio de carril, ou asistente de freado activo con servofreno de emerxencia, o vehículo incorpora un detector de fatiga do condutor e o sistema Alcolock, que só permite arrancar o bus tras confirmar o nivel cero de alcohol no chofer.
O bus dispón tamén dun desfibrilador externo semiautomático, preparado para asistir a nenos e adultos.

CONTRATO
O servizo de transporte público adxudicouse a Palacios Bus por 10 anos, a un prezo anual de 76.972,50 euros. Ao remate do contrato, o vehículo pasará a ser propiedade do Concello, o que abaratará de xeito importante, segundo explicaron no Consistorio, o prezo das sucesivas concesións. En caso de avaría ou mantemento, a empresa adxudicataria, Palacios Bus, dispón dun vehículo de substitución para seguir dando o servizo.•

•O NOVO BUS URBÁN, EN DATOS

•A app Locatel permite saber a localización do bus urbán en tempo real.

Usuario: bus2020
Contrasinal: urbano

•O bus urbán ten conexión wifi con acceso de balde a internet

Usuario: RUT950_F9a2
Contrasinal: z8V9Usc4

•Mantense a mesma ruta, con saída de Ribasaltas e final no Cemiterio, con paradas no Ambulatorio e Hospital, entre outros

Horario completo en: http://www.monfortedelemos.es/gl/servizosmunicipais/busurbano, e na pantalla instalada no propio bus

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os antigos alumnos, protagonistas dos actos do 50º aniversario do IES Lama das Quendas

Seguinte Nova

A exposición itinerante «O Fin do Camiño» fixo parada en Triacastela

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: