Crónica del sur de Lugo

Os antigos alumnos, protagonistas dos actos do 50º aniversario do IES Lama das Quendas

Héctor Souto e David Diéguez protagonizaron a recente quenda de conferencias e encontros co alumnado que está a celebrar o IES Lama das Quendas de Chantada con motivo do seu 50º aniversario. ILQ

O IES Lama das Quendas de Chantada continúa cos actos de celebración do seu 50º aniversario. O programa ten como protagonistas aos ex alumnos e ex alumnas do centro que, tras rematar a súa etapa no instituto, esforzáronse por levar adiante os seus obxectivos profesionais e persoais, ata converterse en profesionais de referencia nos seus sectores.

PROFESIONAIS DO DEPORTE
Desta volta, a atención centrouse no deporte, coa visita ao instituto chantadino de Héctor Souto, adestrador do equipo O Parrulo Ferrol FS, que compite na máxima categoría do fútbol sala nacional, e David Diéguez, preparador físico e asistente técnico neste mesmo equipo. Os dous ex alumnos ofreceron unha charla o 3 de febreiro aos actuais estudantes do IES Lama das Quendas, para compartir con eles as súas experiencias no centro de estudos e no camiño posterior fóra das aulas.
Os encontros que organiza o instituto chantadino polo seu medio século de vida comezaron o pasado mes de decembro, coa charla a cargo de Roberto Fernández, ex xogador de fútbol que comezou a súa traxectoria na SD Chantada e continuou como futbolista profesional na 1ª División, militando en equipos como o Celta, o Sporting, o Osasuna ou o Lugo. Na actualidade desenvolve a súa labor profesional como adestrador de porteiros no Club Deportivo Lugo. Xunto a Fernández, ofreceu a súa testemuña Mel Otero, xornalista deportivo cuna ampla traxectoria en medios escritos, na radio e na televisión. Na actualidade, compaxina a súa labor xornalística, especializado na información sobre baloncesto, coa docencia universitaria.

TURISMO E GASTRONOMÍA
O vindeiro encontro celebrarase o 18 de febreiro, e terá como protagonistas a Roberto Iglesias, responsable do restaurante Os Pendellos de Chantada, un dos referentes gastronómicos da nosa comunidade, e a Beatriz Pérez Pereira, guía turístico profesional e fundadora da empresa Máis Que Románico, que busca poñer en valor o patrimonio da zona, e que conta no seu labor coa creación e consolidación das exitosas Rutas do Románico na Ribeira Sacra.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio