Crónica del sur de Lugo

Os programas dos GDR na provincia impulsaron 139 proxectos empresariais con case 600 empregos

•Agader presentou o balance dos dous últimos anos, nos que destinou 9,7 millóns de euros en axudas na provincia de Lugo

Os datos déronse a coñecer nunha reunión do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e os presidentes dos cinco GDR da provincia, o pasado 3 de febreiro. GPDTL

O impulso de proxectos dinamizadores na provincia de Lugo a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural concretouse nos dous últimos anos nun volume de achegas de 9,7 millóns de euros, xestionados a través dos cinco GDR lucenses.

114 NOVOS EMPREGOS NO RURAL LUCENSE
O balance deste periodo deuse a coñecer a comezos de febreiro nun acto no que participou o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado polos presidentes dos GDR da provincia, entre eles, José Manuel Arias, polo GDR Ribeira Sacra- Courel, e Ramiro Moure, polo GDR Miño-Ulla. Na súa intervención, Balseiro destacou que as achegas de Agader apoiaron 139 proxectos lucenses, ademais de permitir a consolidación de máis de 502 postos de traballo, e a creación de 114 novos empregos no rural da provincia. A función dos GDR e das axudas de Agader supoñen, segundo o delegado territorial, «osíxeno para o noso país, e pulo para os que apostan polo rural como un lugar de oportunidades». Os proxectos apoiados supoñen, no seu conxunto, un investimento mobilizado de case 20 millóns de euros, e inclúen tanto iniciativas empresariais como medidas sen ánimo de lucro, «porque todas teñen en común a mellora do rural».•

•A dinamización turística, entre os obxectivos dos proxectos apoiados por Agader na Ribeira Sacra

O delegado da Xunta en Lugo, o presidente do GDR Ribeira Sacra- Courel, e representantes de Adegas Moure na presentación na nova terraza-miradoiro, o 30 de xaneiro. GPDTL

Entre os proxectos impulsados polas axudas de Agader a través do GDR lucenses, atópanse iniciativas vinculadas ao enoturismo. Adegas Moure vén de estrear unha nova terraza-miradoiro, que contou cunha subvención de 49.000 euros deste organismo dependente da Consellería do Medio Rural.

Vista panorámica da nova terraza-miradoiro de Adegas Moure, que contou cunha achega de 49.000 euros do GDR Ribeira Sacra-Courel. GPDTL

MÁIS CALIDADE DA OFERTA ENOTURÍSTICA DA RIBEIRA SACRA
Con este novo espazo, a adega do Saviñao amplía a oferta experiencial para os visitantes. Cómpre lembrar que Adegas Moure foi un dos establecementos que participaron no festival 17º Ribeira Sacra, que combina unha variada e atractiva oferta de música en directo en espazos singulares coa degustación de viños e o desfrute da paisaxe da Ribeira Sacra.
A terraza-miradoiro que instalou Adegas Moure recibiu a visita do delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro, e do presidente do GDR, José Manuel Arias. O delegado territorial gabou a colaboración entre as Administracións e a iniciativa privada para impulsar proxectos de mellora no rural, e salientou que «espazos como este outorgan un valor engadido ao percorrido polos monumentos da zona». •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio