Crónica del sur de Lugo

Monforte defendeu o seu papel como nó de comunicacións na asamblea anual do Eixo Atlántico

•O alcalde de Monforte e presidente da Deputación lembrou a necesidade de desbloquear o Porto Seco en 2020

Foto de familia dos alcaldes e concelleiros das 35 entidades que integran o Eixo Atlántico, na súa 28ª asamblea anual, celebrada na localidade portuguesa de Matosinhos, o 7 de febreiro. GPCM

Monforte mantén a súa aspiración a ser un nó fundamental na futura rede europea de mercadorías, e servir de motor de dinamización para o sur da provincia de Lugo. Así o fixo saber o alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, durante a súa participación na vixésimo oitava Asamblea anual do Eixo Atlántico, celebrada na localidade portuguesa de Matosinhos o pasado 7 de febreiro.

CRÍTICAS DE TOMÉ Á XUNTA POR TER PARALIZADOS «PROXECTOS FUNDAMENTAIS» COMO O PORTO SECO
O rexedor monfortino acudiu acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, a esta xuntanza na que estiveron presentes alcaldes e representantes das 35 entidades españolas e portuguesas que conforman o Eixo Atlántico.
Na súa intervención, José Tomé comparou as iniciativas do Goberno central na mellora das comunicacións en tren da provincia de Lugo co resto de Galicia e a Meseta, fronte á actitude da Xunta que, segundo o rexedor monfortino, segue mantendo paralizados «proxectos fundamentais» como o Porto Seco.

CASE 70 MILLÓNS DE EUROS EN LICITACIÓNS NA REDE FERROVIARIA DE MONFORTE
Entre as medidas do Executivo central valoradas por Tomé están os contratos asinados por Adif para a electrificación da liña Monforte-Lugo por 65 millóns de euros, ou a licitación, por máis de un millón, da redacción dos proxectos para ampliar as estacións do tramo de León a Monforte. Asimesmo, José Tomé fixo referencia a licitación por Adif da redacción do proxecto de acondicionamento dun tramo de 80 quilómetros do ramal noroeste do Corredor Atlántico de mercadorías, para o que a entidade ferroviaria destina 3,36 millóns de euros.

PUNTO DE CONEXIÓN
O rexedor monfortino e presidente da Deputación de Lugo apostou pola cidade do Cabe como punto de confluencia das mercadorías, para evitar que pasen «innecesariamente por Vigo e logo saír cara León-Palencia, onde se xuntan co corredor que vén de Aveiro». Deste xeito, segundo Tomé, «colocaríanse as mercadorías da fachada atlántica portuguesa e galega no corazón de Europa». •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio