Crónica del sur de Lugo

Chantada, capital do Entroido galego no Domingo Lambedoiro

● Esta singular data do Entroido Ribeirao reuniu na vila do Asma a unha ampla representación dos Entroidos de Galicia ● As localidades do sur de Lugo xa teñen todo o listo para celebrar o Entroido

Figurantes de varios Entroidos de Galicia desfilaron polo centro de Chantada na mañá do 9 de febreiro, Domingo Lambedoiro. (Foto: MONTERO).

O Entroido Ribeirao anuncia no sur de Lugo o inicio das festas máis coloristas e cheas de humor do ano. Desta volta, a organización xuntou na vila de Chantada a figurantes que representan aos Entroidos máis diversos de Galicia. No pasarrúas que percorreu a vila do Asma na mañá do 9 de febreiro, puidéronse ver aos Fulións Rurais de Viana do Bolo, o Oso de Salcedo cos seus Criados, os Peliqueiros e Parranfóns de Campobecerros, os Troteiros de Bande, os Felos e Madamas de Esgos, as Perriñas de Ribadetea, os Galos da Mezquita e representantes do Entroido de Samede.
O calendario do Entroido Ribeirao das terras de Chantada continuará na parroquia de Santiago de Arriba o 16 de febreiro, Domingo Corredoiro, o propio Domingo de Entroido, día 23, e rematará o Martes 25, co Choro do Pucho e a merenda a base de torriscos, chourizos e castañas.

As máscaras dos diferentes Entroidos reunidos en Chantada foron despois convocados na parroquia de Santiago de Arriba, berce do Entroido Ribeirao. (Foto: PILI CHAOS).

O ENTROIDO EN CHANTADA SERÁ O SÁBADO 23
Este ano, hai novidades no calendario do Entroido en Chantada. Logo dunha reunión entre a organización e os participantes en edicións anteriores, acordouse trasladar o desfile de Entroido ao sábado 22 de febreiro, aínda que cun sistema similar ao de sempre. A saída será dende a residencia de maiores ata a Praza de Galicia. Haberá tres premios para as mellores comparsas de adultos, con 450, 350 e 200 euros, e para as infantís, con importes similares. Ademais, todas as comparsas de máis de 10 membros recibirán 250 euros. O prazo para inscribirse no concurso remata o 19 de febreiro.

MARTES DE ENTROIDO, GRAN DESFILE EN MONFORTE
O Concello de Monforte organiza o gran desfile e concurso de comparsas e disfraces de Entroido o martes 25 de febreiro. Na modalidade de comparsas de Monforte, haberá 4 categorías segundo o número de membros, con 3 premios cada unha. As comparsas de fóra de Monforte competirán aparte. Tamén haberá premios individuais e categorías especiais. En total, o Entroido de Monforte repartirá 9.500 euros en premios.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio