Revelan indicios dun importante poboado antigo na parroquia soberina de Proendos

• Trala prospección feito co xeorradar, os expertos identifican estes restos cunha posible vila romana ou cun poboado de “urbanismo sofisticado”

Imaxe recollida polo xeorradar nas proximidades da igrexa de Proendos, nunha superficie de 27.000 metros cadrados. GPCS

O coñecemento da historia de Sober vén de acadar un novo fito, ao detectarse un importante complexo urbanístico de época romana na parroquia de Proendos. Estes foron os resultados da prospección arqueolóxica que a empresa Estela Arqueoloxía e Patrimonio realizou en outubro de 2019 na contorna da igrexa de Proendos, e que confirmaron a hipótese adiantada por indicios como columnas, cerámicas e outros materiais construtivos atopados con anterioridade neste mesmo emprazamento.
Os datos da prospección realizada coa técnica do xeorradar déronse a coñecer nun acto público celebrado o 17 de xaneiro no Centro Sociocultural.

EDIFICACIÓN PRINCIPAL E OUTRAS SECUNDARIAS, CON RÚAS
Segundo a documentación presentada polos expertos, baixo a superficie analizada, correspondente a 27.000 metros cadrados, está documentada a presenza dun edificio de grandes dimensións, en torno aos 3.000 metros cadrados con varias construcións asociadas, que amosa “unha estrutura a modo de ábsida e posibles evidencias de baños no interior”. Ademais, detectáronse outras estruturas edificativas menores, vinculadas entre si por rúas ou vías de paso, o que daría fe, segundo os arqueólogos, dun “complexo entramado urbano de época antiga”.

Os traballos de prospección co xeorradar realizáronse en outubro do ano pasado. GPCS

ALMACENAMENTO, CAPTACIÓN DE AUGA E ELEMENTOS DE DEFENSA
Xunto a estas edificacións, habería outras posibles estruturas adicadas ao almacenamento e á captación de auga, ademais do que se interpretou, nun primeiro momento, como un foso defensivo.
Ao conxunto de elementos novidosos atopados polo xeorradar, sumaríase a xa coñecida necrópole de Proendos.

Á ESPERA DUNHA ESCAVACIÓN ARQUEOLÓXICA PARA CONFIRMAR OS DATOS
O informe presentado polos técnicos subliña a mestura de elementos romanos con outros prehistóricos e medievais. Dende a empresa encargada da prospección insistiron en que será preciso esperar aos resultados dunha escavación arqueolóxica para verificar todas estas hipóteses.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte acollerá en marzo dous obradoiros e unha exposición interactiva para sensibilizar sobre o coidado dos océanos

Seguinte Nova

Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel presumiron en Madrid do Xeoparque Montañas do Courel

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: