Gandeiros reclaman o mantemento dos puntos móbiles da ITV agrícola

• Dende Agromuralla critican que a supresión dun punto en Láncara obrigou a desprazar a maquinaria pesada máis de 10 quilómetros

Varios gandeiros afectados polos traslados dos puntos móbiles da ITV, en Láncara. (Foto: Agromuralla)

A eliminación dun punto móbil da revisión periódica dos vehículos agrícolas en Láncara provocou a protesta da asociación Agromuralla, que denuncia que esta situación estase dando tamén noutros concellos galegos.

CAMBIOS NA UNIDADE MÓBIL
Este colectivo reclamou á empresa concesionaria do servizo de ITV agrícola e aos concellos «solucións para evitar a supresión dos emprazamentos habituais» destes puntos de control. Segundo Agromuralla, a empresa concesionaria da ITV alegou que o novo camión que traslada a unidade móbil é máis grande e precisa dun espazo maior, equivalente a unha pista de fútbol sala, e que teña unha superficie completamente plana, o que converte en inviables varios dos habituais emprazamentos.
O cambio da ITV móbil que se viña facendo na Reboleira, no municipio de Láncara, obrigou aos gandeiros da zona a desprazarse a outro dos puntos que hai no concello, o que supuxo en moitos casos un desprazamento «de máis de 10 quilómetros cos tractores e co resto de apeiros e maquinaria».
PROBLEMA PARA AS PERSOAS MAIORES
Esta situación é especialmente grave no caso de gandeiros xubilados ou persoas maiores que, «en moitos casos, desisten de seguir pasando a ITV aos seus vehículos». Por este motivo, «achegar o servizo de inspección aos usuarios é fundamental para garantir que todos os vehículos están ao día en inspeccións», aseguran dende o colectivo gandeiro.
DE 15 A 20 MORTOS AO ANO COS TRACTORES
Roberto López, presidente de Agromuralla, insistiu en que isto «é un risco engadido para a sinistralidade agraria, xa de por si moi elevada en Galicia». López citou os datos do servizo 112, que fala dun promedio de entre 15 e 20 mortos ao ano. Dende 2011 ata agosto de 2019, morreron 143 persoas en Galicia como consecuencia dun accidente co tractor. •

• ALERTAN DUN «PARQUE MÓBIL ENVELLECIDO» PARA TRABALLAR O AGRO

O 15% DOS TRACTORES DE ESPAÑA ESTÁN EN GALICIA. Dos 140.000 tractores censados no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola, do Ministerio de Agricultura, o 15% están matriculados en Galicia, unha das comunidades españolas con máis densidade de vehículos agrícolas por habitante e territorio.

O TRACTOR GALEGO, 12 ANOS MÁIS VELLO QUE OS DO RESTO DE ESPAÑA. O parque móbil agrícola de Galicia supera a antigüidade media do resto da Península (28 anos en Galicia, 16 no conxunto de España). O 62% dos tractores galegos teñen máis de 25 anos, e o 20% dos tractores aínda operativos matriculáronse hai máis de 30 anos.

GALICIA DOBRA A ESPAÑA EN TRACTORES DE SEGUNDA MAN. Na nosa comunidade, por cada tractor novo que se matricula prodúcense case 7 cambios de titularidade de vehículos antigos. Isto supón case o dobre que na media de España, onde por cada tractor novo rexístranse 2,5 vendas de segunda man.

A 1ª ITV, AOS 8 ANOS. Ata os 16 anos dende a primeira matriculación, revísanse cada 2 anos, e a partir desa data a revisión é anual.•
(Datos aportados por Agromuralla).

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Distribuidores e produtores impulsan o leite galego

Seguinte Nova

Técnicos de Seaga asumen a retirada de niños de velutina en 275 municipios galegos

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: