Crónica del sur de Lugo

Máis de 150.000 euros de achegas da Xunta para arrancar tres novos negocios na zona sur

•Dúas destas novas empresas localízanse en Monforte, e outra en Samos •No conxunto da provincia, as subvencións dos programas Galicia Rural Emprende e Galicia Emprende do Igape suman 776.000 euros

A relación de axudas do IGAPE na provincia presentouna o delegado da Xunta en Lugo, xunto a catro dos 13 emprendedores beneficiados polas liñas Galicia Rural Emprende e Galicia Emprende, o 28 de xaneiro. GPDTL

O impulso institucional ao emprendemento vén de andar un novo chanzo na provincia, co apoio da Xunta á posta en marcha de 13 novas empresas, cun total de 776.000 euros. Na zona sur, as aportacións do Igape materializaranse en dous novos negocios en Monforte, e outro en Samos.
Os detalles do resultado deste programa empresarial presentounos o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, en rolda de prensa celebrada o día 28, xunto a catro dos 13 empresarios que se beneficiaron destas achegas. Balseiro destacou que a posta en marcha destes negocios mobiliza un investimento global de 1,4 millóns de euros, en proxectos que abranguen diversos sectores, dende a hostelería ao medio ambiente, ou o benestar.
A contía aportada pola Xunta supón unha media do 53% do investimento subvencionable, aínda que, segundo os criterios de valoración, algúns proxectos contan co 100%.

MÁIS PROXECTOS NA ZONA NORTE
Por zonas, as comarcas de Lugo e A Mariña son as que concentran un maior número de proxectos subvencionados, cinco na primeira e outros tantos na segunda. O resto están na zona sur, en concreto dous en Monforte e un en Samos.

MEDIO AMBIENTE, FORESTAL E HOSTELERÍA NO SUR
Os negocios impulsados polo Igape na cidade do Cabe financiáronse ao abeiro do plan Galicia Rural Emprende, que apoia a creación de empresas de actividades non agrícolas no rural. A subvención inclúe unha contía base de 2.000 euros, que pode aumentar ata os 70.000, como é o caso de Vigo 10 Sevicon, unha consultoría para empresas especializada en temas medioambientais. A segunda achega aprobada en Monforte permitirá abrir un servizo de asesoramento e xestión forestal, cun investimento de 44.723 euros, dos que 37.500 foron aportados polo Igape.
Dentro do programa Galicia Emprende, que non require vinculación específica co rural, o Igape financiou con 11.260 euros un negocio de hostelería en Samos, que requeriu un investimento de 37.536 euros. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio