Crónica del sur de Lugo

Poesía, crimes ilustres e segredos da historia recente encheron a axenda do Círculo Saviñao

Preto dunha vintena de poetas galegos asistiron á presentación da obra «Poetas do Reencontro», promovida pola Irmandade Poética e Artística Galaico-Lusa, no Círculo Saviñao. CS

A literatura de Galicia e Portugal foi a protagonista dunha das últimas celebracións do Círculo Saviñao en 2019. A Irmandade Poética e Artística Galaico-Lusa presentou en Escairón a obra «Poetas do Reencontro», unha escolma de poesía actual escrita en galego e portugués, que recolle creacións de 75 autores co fin de crear vínculos artísticos entre as dúas beiras do Miño.
CASE UNHA VINTENA DE POETAS CITÁRONSE NA SOCIEDADE RECREATIVA DE ESCAIRÓN
O acto celebrado no Círculo Saviñao contou coa participación de Anxo Boán, poeta, editor do libro e presidente da Irmandade, acompañado por Ramón Rodríguez Porto, tesoureiro, e José Carlos Ulloa, secretario. A velada completouse cun recital de poesía, a cargo dalgúns dos seus autores.
No acto de Escairón participaron os creadores galegos Martina Campo, Nesto Fernández, Adela Figueroa, Elba Grande, Isabel Losada, Germán López Quiroga, Mercedes Marcos, Jaime Moreda, José Pedreira, Eladio Rodríguez, Branca Villar, Sonia Arias, Ana Gamallo, Ana Rey, Paco Ledo, Toño Núñez, Ramón R. Porto, José Carlos Ulloa e Anxo Boán.•

A conferencia a cargo do editor Paco Macías, responsable de Edicións Positivas, foi presentada pola profesora Violeta Pérez Losada, no Círculo Saviñao, o pasado 11 de xaneiro. CS

RELATO DO «SECUESTRO ANTIFRANQUISTA» DO TRANSATLÁNTICO PORTUGUÉS SANTA MARÍA HAI 59 ANOS

O misterio fundiuse coa historia máis recente de España na conferencia que acolleu o Círculo Saviñao o 11 de xaneiro. Paco Macías, responsable de Edicións Positivas e editor do libro “Piratas da Liberdade”, de Xavier Montnayá, falou sobre un suceso acontecido hai 59 anos, e aínda pouco coñecido no noso país. Baseándose nas investigacións que Montnayá recolle no citado libro, Macías relatou o secuestro, durante 12 días, do transatlántico portugués “Santa María”, no que viaxaban 612 pasaxeiros e 350 tripulantes, na ruta dende Venezuela e Brasil ata Port Everglades, Tenerife e Lisboa. O secuestro foi perpetrado por un comando do Directorio Ibérico de Liberación, encabezado por Xosé Velo Mosquera, o militar español José Fernández Vázquez e o militar portugués Henrique da Malta Galvâo. Na acción, participou directamente un veciño de Escairón, Basilio Losada, e o monfortino Alfredo Yllanes Ferro.
Macías reclamou que, coincidindo co 60º aniversario do feito, o ano que vén se afonde na investigación e divulgación desta acción contra os ditadores Oliveira Salazar e Franco, e da súa repercusión internacional. •

A presentación do libro “Ilustres asesinos y distinguidos cadáveres”, de José de Cora, celebrouse no Círculo Saviñao o 10 de xaneiro. CS

OS CRIMES MÁIS REFINADOS, NARRADOS POR JOSÉ DE CORA

O escritor e periodista José de Cora levou ao Círculo Saviñao o relato dunha serie de 24 crimes vinculados a personaxes senlleiros da sociedade galega, que recolle no seu libro “Ilustres asesinos y distinguidos cadáveres”. No libro, que acadou o XIX Premio Fernando Arenas Quintela, fai referencia a feitos luctuosos e criminais relacionados, de forma tanxencial, con figuras como Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Ánxel Fole ou Castelao.
José de Cora completou a súa exposición falando de crimes ocorridos no municipio do Saviñao entre os séculos XIX e XX. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio