Crónica del sur de Lugo

Ribas de Sil sumará un novo servizo de conciliación coa apertura dunha casa-niño

De esquerda a dereita, Lucía Mosteiro, promotora da Casa-Niño de Baleira; José Manuel Balseiro, delegado da Xunta en Lugo; e Cristina Casasempere, promotora da Casa-Niño de Ribas de Sil, no anuncio destes novos servizos, o pasado 7 de xaneiro. GPDTL

As familias de Ribas de Sil poderán dispoñer dun novo servizo de conciliación coa Casa-Niño que vai abrir no municipio. Esta iniciativa, promovida por Cristina Casasempere, conta co apoio da Xunta de Galicia, que impulsa unha liña de axudas para a posta en marcha e o funcionamento destas unidades en concellos de menos de 5.000 habitantes que non teñan gardería ou punto de atención infantil.

LUGO REMATARÁ O ANO CON 19 CENTROS
A apertura, prevista para este ano, suporá que a provincia de Lugo conte con 19 casas-niño ao remate de 2020. Xunto á de Ribas de Sil, está previsto o arranque doutros dous centros similares en Baleira e Navia de Suarna. No sur de Lugo, xa funciona este modelo de conciliación en Folgoso do Courel, Láncara, Paradela, A Pobra do Brollón, O Páramo e Triacastela.
As casas-niño atenden a un máximo de 5 nenos, con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos, de xeito personalizado e cun horario flexible. As persoas promotoras encárganse de atender aos cativos, e contan con titulacións relacionadas coa educación infantil, experiencia laboral neste eido, ou certificacións de cursos ofrecidos pola Xunta nesta especialidade.
As axudas do Executivo autonómico aportan un máximo de 15.000 euros para obras de adaptación do inmoble no que se abrirá a casa-niño, tendo en conta a normativa de calidade e seguridade. Ademais, as achegas inclúen ata 19.600 euros anuais para financiar o salario da persoa responsable da casa-niño.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio