Crónica del sur de Lugo

ADIF licitou en 20 millóns a renovación da catenaria que habilitará o treito Ourense-Monforte para a alta velocidade

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, anunciou a licitación das obras da catenaria a comezos de outubro. GPSGL

A comezos de outubro, publicouse no Boletín Oficial do Estado a licitación das obras para a renovación total da catenaria correspondente ao treito ferroviario Ourense- Monforte de Lemos. O importe de licitación ascende a 20.315.871 euros. Segundo precisaron dende a Subdelegación do Goberno en Lugo, o proxecto de execución é de 20 meses.

NOVA REDE HÍBRIDA PARA ACOLLER A ALTA VELOCIDADE
Esta renovación total da liña aérea de contacto é o paso previo para transformar a electrificación de 3 kV en corrente continua a 25 kV en corrente alterna. No treito que se licitou, vaise substituír a catenaria actual, de 3 kV, por unha de tipo híbrido, capaz de albergar con mínimas transformacións, a electrificación de 25 kV, compatible coa alta velocidade ferroviaria.

OUTROS PROXECTOS NESTA LIÑA
Dende a Subdelegación en Lugo lembraron que esta medida súmase a outras actuacións recentes na liña lucense. ADIF vén de levar a cabo a electrificación e instalación de seguridade neste mesmo treito, e de construír unha subestación de tracción en Oural e centros de autotransformación asociados. Estas medidas apuntan á incorporación da liña lucense á rede de alta velocidade.

MENOS PASOS A NIVEL
Coincidindo con esta licitación, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, lembrou que se está a executar a redacción dos proxectos para suprimir 36 pasos a nivel. Ademais, Rodríguez salientou que en Oural é preciso levantar un novo túnel, mentres que respecto a Monforte de Lemos, manéxanse alternativas dunha variante ou by-pass. Un precedente neste sentido é a variante da Pobra de San Xiao, que permitiu a eliminación de 14 pasos a nivel, e elevou a velocidade do tren ata os 160 kilómetros por hora. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio