Crónica del sur de Lugo

O club Neka de taekwondo arranca o curso sumando 14 medallas en dúas competicións autonómicas

O ouro conseguido na modalidade de parella por Daniel Areán e Karla Novo foi un dos dez metais que acadaron os deportistas do Neka no Open Vila de Moaña. (Foto cedida)

Os deportistas do ximnasio Neka de Monforte abriron a tempada de competicións en taekwondo cun bo número de medallas. Un total de 14 metais foi o resultado conseguido nas dúas probas autonómicas celebradas a finais de setembro e comezos de outubro.

10 PODIOS NO OPEN DE MOAÑA DE TÉCNICA
Na última fin de semana de setembro, a expedición monfortina desprazouse á provincia de Pontevedra para participar no Open Vila de Moaña de técnica, no que xuntaron dez medallas. En categoría individual, lograron medalla de ouro Marco García e Laura Álvarez, mentres que Carlos Rey, Alan David Bustamante e Daniel Areán conseguiron cadansúa prata. Os podios individuais completáronse cos bronces de Aitor Teijeiro e Inés Casal.
En modalidade de parella, subiron ao primeiro posto en Moaña Daniel Areán e Karla Novo, así como a parella integrada por Marco García e Laura Álvarez. Foron bronce nesta modalidade Aitor Teijeiro e Lucía Roca.

“AS NOVAS XERACIÓNS DO NEKA ÁBRENSE PASO”
Nesta competición tamén se mediron Leyre Rodríguez e Alicia Castro, así como José Roca, Alicia Vega, Alba Díaz e Gael Trujillo, que competiron a gran nivel. O adestrador, José María Vega, amosou a súa satisfacción porque “as novas xeracións do Neka se abren paso”, e destacou o quinto posto individual de Karla Novo e Alicia Castro. A proba de Moaña serviu para que os deportistas con podio sumaran puntos para entrar na selección galega.

“PLENO” NO OPEN DE RIBEIRA
O segundo compromiso deportivo dos de Neka no que vai de curso resolveuse cun “pleno” de medallas, segundo afirmou o adestrador do club monfortino, a pesar das lesións que sufriron dous deportistas, e que os deixaron a só un chanzo de subir ao máis alto do podio.

DÚAS PRATAS A PESAR DAS LESIÓNS
Junior Martínez, que viña de completar unha estancia no CAR de Murcia en agosto para preparar o Campionato de Europa, non puido disputar a final por molestias no xeonllo. Dende o club, decidiron non arriscar, e Junior finalmente completou a proba de Ribeira cunha medalla de prata. Tamén o xeonllo deixou fóra do primeiro posto da clasificación a Aitor Teijeiro, que “estivo a gran altura”, pasando “claramente” dúas rondas, segundo precisou Vega, pero lesionouse no primeiro asalto, rematando con medalla de prata.

OUTRA PRATA TRAS UN REÑIDO EMPATE
Tamén gañou unha prata Lucía Roca, nun combate que Vega cualificou de “igualadísimo” fronte á gran rival pero tamén amiga Nuria, do equipo Hebe, que resolveu co punto de ouro un empate a 15. Roca completou a competición cunha medalla de prata.
José María Vega destacou o traballo dos rapaces e rapazas, nunha competición que deixou “moi satisfeito” ao grupo participante e ao seu adestrador. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio