Monforte aposta pola internacionalización e a innovación para poñer en valor os seus sectores produtivos

•Os conselleiros de Economía e do Medio Rural visitaron a empresa Euroserum Ibérica, propiedade dunha firma chinesa

Os conselleiros do Medio Rural e de Economía, xunto ao delegado da Xunta en Lugo, percorreron as instalacións de Euroserum Ibérica, acompañados polo señor Mu, o 1 de outubro. GPXG

A empresa láctea Eurosérum Ibérica, con sede en Monforte, foi posta como exemplo de internacionalización e de innovación para Galicia polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, na visita realizada o 1 de outubro. O titular autonómico, que estivo acompañado polo seu homólogo do Medio Rural, José González, destacou a necesidade das empresas galegas de incentivar novos produtos e abrir novos mercados. Na visita tamén participaron a tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras, José Luis Losada.

VALOR ENGADIDO COA TRANSFORMACIÓN DO LEITE
Conde e González coñeceron de primeira man as instalacións da planta monfortina, pertencente ao conglomerado Bei’An YeePer Daily Co Ltd. Xunto ao empresario chinés, señor Mu, os conselleiros gabaron o traballo que se está a facer en Monforte, “cunha aposta clara polos seus sectores produtivos”, sobre todo o vitivinícola e o lácteo, e a través dunha mellora na formación para “dar resposta ás necesidades dos mercados”, segundo salientou o titular de Economía. Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural sinalou que a Xunta “defende a transformación do leite para darlle maior valor engadido”.

CHINA, UN SOCIO ESTRATÉXICO PARA GALICIA
Así mesmo, o posicionamento internacional que leva facendo Eurosérum Ibérica, sobre todo de cara a China, é un exemplo do que Galicia precisa para buscar sinerxias con este país, considerado socio estratéxico, segundo precisou Conde. “Debemos apostar pola transformación e, ao mesmo tempo, pola innovación e polos novos mercados”, salientou o conselleiro, como vía para “capacitarnos para atraer novos investimentos”. •

RECEPCIÓN NO CONCELLO AO EMPRESARIO CHINÉS

A reunión do alcalde de Monforte e o señor Mu, acompañados polo responsable da planta do Reboredo, tivo lugar no Concello o 1 de outubro. GPCM

Xa pola tarde, o representante do grupo inversor, señor Mu, foi recibido no Concello polo alcalde, José Tomé. O empresario chinés, acompañado por responsables da planta situada no polígono do Reboredo, conversou co rexedor local sobre as características deste proxecto. Dende o Concello destacaron que a reunión serviu para analizar as posibilidades de colaboración, de cara ao futuro, entre o empresario e a propia institución local.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O comercio lucense de proximidade premia as compras nos Días Azuis ata o 20 de outubro

Seguinte Nova

Comezou a competición para os equipos de Primeira e Segunda División do CV Ribeira Sacra

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: