Crónica del sur de Lugo

Monforte acolleu un encontro sobre o patrimonio inmaterial do Camiño de Inverno

•As XVI Xornadas Científicas sobre este roteiro reuniron a case 250 persoas ao longo dunha fin de semana •O programa ofreceu conferencias, debates e unha andaina

Na clausura, o 15 de setembro, participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto ao grupo de participantes na andaina dun tramo do Camiño de Inverno. GPXG

As lendas, contos e cantigas sobre o Camiño de Inverno protagonizaron as XVI Xornadas Científicas sobre esta ruta xacobea, que se celebraron en Monforte de Lemos do 13 ao 15 de setembro. Organizadas pola Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra dentro do programa da Xunta “O Teu Xacobeo”, as xornadas integraron un amplo programa de conferencias, actuacións musicais, proxeccións e debates, para culminar cun roteiro por un tramo do Camiño de Inverno.

O presidente da Deputación acompañou na inauguración das Xornadas Científicas á presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez, o 13 de setembro. GPDL

AS LENDAS E OS CONTOS, “ELEMENTOS IDENTIFICADORES DUN TERRITORIO”
Na inauguración, o presidente da Deputación, José Tomé, deu a benvida aos participantes neste encontro, que xuntou a preto de 250 en toda a fin de semana, e gabou a labor da asociación organizadora, “por poñer o foco en aspectos tan identificadores como as lendas ou os contos”. O mandatario provincial, que acompañou no evento á presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez, valorou que non se deixe esquecer “todo este patrimonio oculto que foi transmitido de xeración en xeración”.

REFLEXIÓNS A CARGO DE PROFESIONAIS DE DIVERSAS ESPECIALIDADES
O programa contou, entre outros, con Ana Goy Díaz, catedrática de Historia da Arte da USC, que abriu as xornadas cunha conferencia sobre o valor universal da Ribeira Sacra. Pola súa banda, o exconselleiro de Cultura, Víctor Vázquez Portomeñe, falou sobre o valor inmaterial dos Camiños de Santiago, e o músico Xosé do Incio reflexionou sobre o patrimonio inmaterial das regueifas.
UN FORMATO DE ÉXITO “POLO TEMA TRATADO E POR COMBINAR ACTIVIDADES”
A presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez, salientou o “éxito de participación”, que se explica “polo tema tratado e por combinar partes máis científicas con outras musicais e visitas guiadas”. Menéndez afirmou que “é imprescindible recuperar estas lendas e cantos dos nosos devanceiros que nos unen a todos ao carón do Camiño”.
Este elemento tamén foi posto en valor pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presente na clausura das xornadas de Monforte. O programa “O Teu Xacobeo” ten como un dos seus obxectivos a recuperación do patrimonio inmaterial en torno ao Camiño de Santiago, e poñelo en valor tanto entre os peregrinos como na propia sociedade galega. Castro tamén destacou que este tipo de itinerarios culturais están a contribuír á dinamización das economías locais. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio