Crónica del sur de Lugo

Monforte estreou “un novo Miradoiro do Duque, máis atractivo, seguro e amplo”

•Culminou a reforma integral e ampliación deste punto de interese turístico sobre o Canón do Sil, con dous espazos de observación e o dobre de superficie

Na inauguración do remozado Miradoiro do Duque estiveron o alcalde de Monforte, José Tomé, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, xunto a membros da Corporación monfortina, o 16 de setembro. GPCM

O único miradoiro que ten Monforte sobre o Canón do Sil estreou novo aspecto. O 16 de setembro, volveu abrir este punto de interese turístico, que ofrece o dobre de espazo para acoller grupos de visitantes, ademais de dotarse de dous bancos e un panel informativo. O Miradoiro, que permite contemplar a posta do sol nun entorno único, conta tamén cun deseño máis actual, así como un novo punto de observación en voladizo. O proxecto supuxo un investimento de case 51.000 euros, cofinanciados pola Xunta de Galicia a través do GDR-Ribeira Sacra, e por fondos municipais.

Na reforma, dotouse ao Miradoiro dun panel informativo para dar a coñecer aos visitantes os puntos de interese máis próximos. GPCM

O DOBRE DE ESPAZO, MÁIS MODERNO E ACCESIBLE
Dos case 36 metros cadrados de superficie que tiña, o Miradoiro pasa a dispoñer de 78, o que fixo posible o redeseño das estruturas de observación, así como a acollida de grupos de visitantes. Deste xeito, o Miradoiro do Duque ofrece agora dous puntos de observación, que aproveitan a singular orografía da zona. Ademais, acondicionouse un acceso para persoas con mobilidade reducida.
A renovación incluiu un panel informativo, a instalación de dous bancos e un novo pavimento, e o reforzo de seguridade con novas varandas.

Máis espazo para visitas de grupos, e un acceso para persoas con mobilidade reducida son algunhas das novidades que poden atoparse no Miradoiro do Duque. GPCM

A REFORMA INTEGRAL CONVERTE ESTE ESPAZO NUN “NOVO MIRADOIRO”
No acto inaugural, o alcalde de Monforte, José Tomé, falou desta instalación como “o novo Miradoiro do Duque”, xa que a reforma integral que se lle aplicou deu como resultado “un miradoiro máis atractivo, máis seguro, máis amplo e con máis información”. O feito de dispoñer dun acceso para persoas con mobilidade reducida e capacidades diferentes convérteno nun “miradoiro máis inclusivo”.

APOIO Á CANDIDATURA DA UNESCO
Pola súa banda, o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou estas obras porque “incrementan o atractivo turístico deste elemento”, que permite achegarse a unha “panorámica da viticultura heroica e da paisaxe da Ribeira Sacra”. Balseiro insistiu en que este tipo de intervencións son “necesarias para apuntalar os recursos da zona”, de cara á súa candidatura a Patrimonio da Humanidade da Unesco. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio