Crónica del sur de Lugo

O Concello de Monforte ten en marcha un programa para o apoderamento da muller no rural

•Baixo o título “Mulleres mudando o Rural”, o programa estreouse cun obradoiro en setembro

A capacitación laboral da muller é un requisito fundamental para o seu apoderamento no eido rural. (Foto: Pixabay)

O vindeiro 15 de outubro, celebrarase o Día da Muller Rural, e con este motivo, a Concellería de Igualdade ten en marcha o programa “Mulleres mudando o Rural”. A través do Centro de Información á Muller (CIM), e en colaboración coa asociación Sustinea, este programa ten como obxectivo avanzar no apoderamento e na mellora da empregabilidade das mulleres no eido rural.

20 HORAS EN CINCO OBRADOIROS, EN HORARIO DE MAÑÁ
Esta iniciativa de formación conta con 20 horas repartidas en cinco obradoiros, cada un de catro horas de duración. As sesións impártense no Centro Cívico do Malecón en Monforte, en horario de 9:30 a 13:30 horas.

CALENDARIO DE SESIÓNS FORMATIVAS DE SETEMBRO A DECEMBRO
O primeiro obradoiro, adicado ao crecemento persoal, o autocoñecemento e a autoestima, tivo lugar o venres 13 de setembro. A vindeira cita do programa será o xoves 10 de outubro, cunha primeira sesión sobre apoderamento, orientación sociolaboral, recursos e entrevistas. Este obradoiro terá unha segunda parte o xoves 17 de outubro.
Xa en novembro, o día 21 celebrarase o obradoiro de ferramentas para a vida, sobre recursos sociais, xurídicos e dixitais.
O programa rematará o mércores 4 de decembro, co obradoiro titulado “Mulleres Natura”, no que se falará sobre a figura da muller na emerxencia climática e no desenvolvemento rural.

UN RURAL CON MULLERES MÁIS CAPACES E MÁIS PARTICIPATIVAS
A iniciativa “Mulleres mudando o Rural” está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta, coa colaboración do Concello de Monforte. A finalidade desta liña de accións é aumentar a participación social e laboral das mulleres no eido rural, coa mellora da súa capacitación profesional orientada ás posibilidades de emprego.
As interesadas en participar neste programa poden informarse e inscribirse no teléfono 982 416 350, ou nas oficinas do Centro de Información á Muller (CIM), situado no Centro Social do Malecón. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio