Crónica del sur de Lugo

A Pobra do Brollón abrirá con Milladoiro unha nova edición de As Cores do Outono

O festival de folk terá lugar na Pobra o sábado 14 de setembro

Ricardo Rodicio, concelleiro de Cultura; Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación; Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón; Efrén Castro, deputado nacionalista; e Xosefa Rodríguez, concelleira na Pobra, durante a presentación do festival As Cores do Outono. GPCPB

Milladoiro será o cabeza de cartel na programación do festival folk As Cores do Outono, que se celebrará na Pobra do Brollón o sábado 14 de setembro. A área recreativa de Samugueiros, na capitalidade municipal, acollerá a partir das sete e media da tarde diversas actividades culturais emusicais. Natureza e cultura daranse a man neste “espazo natural tan marabilloso”, segundo destacou a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, na presentación do festival. As Cores do Outono está organizado polo Concello da Pobra do Brollón, coa colaboración do organismo provincial, dentro do Plan Único de colaboración cos municipios.

FESTIVAL “CONSOLIDADO”, E UN MOTOR DE DINAMIZACIÓN ECONÓMICA DENDE A CULTURA E O TURISMO

Ferreiro puxo de manifesto a importancia deste festival “consolidado”, que acada a súa sexta edición. Un evento que se está a converter “nun referente non só na provincia de Lugo, senón tamén en Galicia”, segundo destacou o alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda. O rexedor puxo como exemplo ao festival “como unha aposta que facemos dende o Concello para dinamizar economicamente o noso municipio a través da cultura e do turismo”.

ESPECTÁCULO FAMILIAR PREVIO AO INICIO DOS CONCERTOS

O primeiro acto do festival As Cores do Outono vai dirixido ao público familiar. Ás 19:30, comezará o “Concerto Singular”, unha comedia musical e xestual a cargo da compañía Píscore. A partir das 21:00 horas iniciaranse as actuacións musicais do festival, conducido polo actor e monologuista Avelino González, e cun plantel encabezado polo emblemático grupo folk galego Milladoiro. O músico ourensán Magín Blanco actuará no espazo de Samugueiros, onde tamén traerán as súas músicas as Bouba Pandereiteiras, que representaron a Galicia no recente Festival Interceltique de Lorient.

Na presentación do programa, o alcalde da Pobra fixo unha invitación ao público da contorna a desfrutar deste Festival. “Pensamos que vai ser un motivo para que visiten A Pobra e compartan estes concertos con nós, e vivir xuntos o que é en definitiva a Guimaralia”, afirmou.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio