Crónica del sur de Lugo

Máis apoios da Xunta á industria cárnica do sur lucense

O Executivo autonómico achegou 478.000 euros a unha empresa de nova creación de Monforte, que prevé xerar 25 postos de traballo directos

Balseiro na visita que realizou o 5 de setembro á empresa Gallaecia Delicatessen, situada en Monforte de Lemos. GPDTL

As achegas da Xunta para impulsar o sector cárnico de calidade na provincia materializáronse no sur lucense no apoio a unha empresa de recente creación. A firma Gallaecia Delicatessen leva implantada en Monforte dous meses e medio, logo dun investimento de case 1,6 millóns de euros. A empresa, situada no polígono do Reboredo, contou cunha subvención da Xunta de 478.000 euros para botar a andar, cunha plantilla inicial de sete traballadores. A previsión deste novo negocio, que estará a pleno rendemento dentro dun ano, é chegar aos 25 postos de traballo directos.

Os datos aportounos o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, na visita que realizou ás instalacións de Gallaecia Delicatessen o 5 de setembro. O titular provincial explicou que a Xunta facilitou á empresa tanto o asesoramento necesario para arrancar o negocio como as vías de financiación que pon á disposición dos emprendedores. A axuda aprobada concedeuna a Consellería do Medio Rural, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, para a transformación e comercialización de productos agrarios. Balseiro destacou que a empresa monfortina “traballa con reses autóctonas selectas” que proceden “de pequenas explotacións e dunha selección de matadoiros”, na busca dun elemento diferencial a través da “calidade e a trazabilidade do produto”.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EMPREGO

Ir a Inicio