Crónica del sur de Lugo

A superficie queimada en Monforte e Pantón chega ás 465 hectáreas

O incendio forestal de Monforte protagonizou a actualidade nas redes sociais. (Foto: IncendiosES)

Segue controlado o lume que afectou dende a tarde do xoves 5 de setembro a varias parroquias de Monforte de Lemos e Pantón. O último informe da Consellería do Medio Rural eleva a 465 a estimación provisional do número de hectáreas afectadas . O foco iniciouse a primeira hora da tarde do xoves na parroquia de Seoane, e estendeuse polas zonas limítrofes, provocando unha intensa fumareda e a alarma da veciñanza.

A Consellería do Medio Rural informou da mobilización dun amplo dispositivo formado por dous técnicos, cinco axentes, 22  brigadas, 12 motobombas, dous pas, 13 helicópteros e catro avións.

As brigadas de reforzo traballan en Monforte en colaboración cos medios autonómicos. (Foto: BRIF twitter)

Dende o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación informaron da posta en marcha dun “significativo” conxunto de medios aéreos e humanos para controlar o incendio activo en Monforte. Correspondentes ao dispositivo estatal, activáronse catro avións anfibios Canadair, de 5.500 litros de capacidade de descarga, que partiron das bases de Labacolla, en Santiago, Matacán en Salamanca, e Torrejón, en Madrid. Ademais, participaron nas labores de control e extinción dous avións anfibios, con 3.100 litros, procedentes da base zamorana de Rosinos, e un helicóptero tipo Kamov, con capacidade para 4.500 litros, que partiu da base asturiana de Ibias.

Tamén se incorporaron aos traballos no incendio de Monforte tres brigadas de reforzo en incendios forestais (BRIF) , cos seus correspondentes helicópteros de transporte e extinción, segundo informou o Ministerio. O dispositivo estatal completouse un avión de coordinación procedente de León, e unha unidade móbil de análise e planificación dende Ourense.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre SERVICIOS

Ir a Inicio