Preto de 200 deportistas participarán en Monforte no Campionato Galego de Ciclismo de Fondo en Estrada

Na tarde do sábado 7 de setembro, disputaranse as probas das categorías cadete, junior e féminas

A proba monfortina do Campionato Galego de Ciclismo de Fondo en Estrada presentouse na Casa do Concello o 4 de setembro. GPCM

As rúas de Monforte acollerán, o sábado 7 de setembro, una nova edición do Campionato Galego de Ciclismo de Fondo en Estrada. Arredor de 200 competidores participarán nas probas correspondentes ás modalidades cadete, junior e féminas, nun trazado de case 18 quilómetros a través das rúas de Monforte e ata o Concello de Sober.

Segundo explicaron os responsables da organización, na presentación celebrada en Monforte o día 4, o Campionato iniciarase coa proba junior, a partir das 15 horas, e que integra cinco voltas ao circuito. Ás 17,30 sairá a carreira cadete, con tres voltas ao trazado. Xa ás 19,00 horas, comezará a proba de féminas, “a categoría estrela da xornada”, segundo precisou o director técnico e seleccionador da Federación Galega de Ciclismo, Guillermo Sade. Esta modalidade xuntará en tres voltas a participantes das categorías femininas cadete, júnior, sub 23, élite e máster.

CORTES DE TRÁFICO PUNTUAIS, E 22 PERSOAS PARA CONTROLAR A PROBA

O alcalde de Monforte, José Tomé, salientou que “sempre é un pracer para o Concello acoller este tipo de eventos”, sobre todo por tratarse de categorías base, “dada a importancia do deporte na formación da mocidade e tamén no seu desenvolvemento integral”. En canto á organización, o rexedor local precisou que haberá un dispositivo de 22 persoas para controlar a proba, con cortes de tráfico puntuais. O alcalde solicitou a “comprensión da cidadanía” para levar a cabo un evento “que serve para promocionar a cidade”, e pediu desculpas polos trastornos que poidan causar os cortes de tráfico.

No acto de presentación, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, agradeceu ao Concello de Monforte a súa “colaboración e compromiso”, e fixo entrega dun maillot enmarcado da Volta a Galicia celebrada en Monforte en 2017, como agasallo para o Concello.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Taboada celebrará unha nova edición da Queima das Fachas

Seguinte Nova

Arrancan os adestramentos da pretempada no CV Ribeira Sacra

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: