Taboada celebrará unha nova edición da Queima das Fachas

Será na fin de semana do 7 ao 9 de setembro

Presentación do programa da Queima das Fachas, Festa de Interese Turístico de Galicia que se celebrará en Taboada do 7 ao 9 de setembro. GPDL

A tradición da Queima das Fachas, que se remonta á cultura celta, volverá a iluminar a noite de Taboada o sábado 7 de setembro. As celebracións, que xuntarán etnografía con música e tradición, prolongaranse ata o mediodía do luns 9.

O programa da Festa da Queima das Fachas deuse a coñecer  o mércores 4 de setembro, nun acto celebrado na Escola de Castelo, en Taboada, coa presenza de representantes da Xunta e da Deputación, principais patrocinadores do evento, así como do alcalde, Ramiro Moure, e o presidente da Asociación Cultural As Fachas, Manuel Fidalgo.

A deputada de Turismo, Pilar García Porto, lembrou a importancia deste evento, que perviviu dende época romana ata hoxe, sendo unha das poucas manifestacións culturais e etnográficas deste tipo que quedan en Galicia. García Porto salientou que a Deputación colabora coa celebración da Festa da Queima das Fachas cunha achega de 3.000 euros, e precisou que este tipo de eventos “dinamizan social e economicamente a comarca”.

A Festa da Queima das Fachas conta con outros 3.000 euros da Xunta, a través da Consellería de Cultura e Turismo. O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou esta Festa de Interese Turístico de Galicia por ser unha celebración “repleta de simboloxía”, na que os veciños e veciñas “recuperan unha tradición milenaria”.

Ás nove da noite do sábado día 7, arrancará a celebración, cunha gran pulpada amenizada por un grupo de gaitas. Xa ás once e media, terá lugar a Queima das Fachas. O domingo á unha e media, celebrarase a misa solemne en honor de Santa María, para continuar coa sesión vermú, e á noite, haberá actuacións musicais. O programa completarase na mañá do luns, con misa á unha e media, e sesión vermú amenizada con grupos musicais.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Comezan os traballos de arranxo da estrada provincial de Ferreira a Currelos

Seguinte Nova

Preto de 200 deportistas participarán en Monforte no Campionato Galego de Ciclismo de Fondo en Estrada

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: