Crónica del sur de Lugo

Pili Chaos propón no MUFERGA unha viaxe fotográfica polas sensacións

A mostra fotográfica “Sensaciones”, de Pili Chaos, pode verse no Muferga de Monforte ata o 31 de agosto. (Foto cedida: P.C.)

Durante todo o mes de agosto, o espazo expositivo do Museo dos Ferrocarriles de Galicia (MUFERGA) de Monforte acolle a exposición “Sensaciones”, da fotógrafa monfortina Pili Chaos. A mostra, integrada por 15 fotografías, traslada ao espectador a un nivel distinto de percepción, xa que “a función da fotografía, aparte de rexistrar momentos únicos, é a de provocar algún tipo de sensación en nós”, afirma Pili Chaos.

O MUNDO DO TREN, MOI PRESENTE
A autora desta serie de imaxes, que defende que a fotografía “non ten que ser bonita ou tecnicamente perfecta, senón expresiva”, trata de xerar sensacións a través de diferentes propostas. A colección que amosa Pili Chaos no Muferga non se limita ás paisaxes, senón que indaga tamén noutras temáticas, como o retrato ou o “street photo”, cunha especial atención ao mundo do tren.
As fotografías de Pili Chaos son o resultado dun camiño de investigación e aprendizaxe autodidacta. “Cando empecei coa fotografía, facía fotos por intuición, sen fixarme na composición, poñía o dial en automático e disparaba”. Pouco a pouco, foi evolucionando e incorporando novas técnicas, como a longa exposición, nocturna e diurna, ou introducíndose no denominado “lightpainting”, que consiste en pintar con luz nunha fotografía.
Entender a fotografía como unha afición “que pratico nos ratos libres e fins de semana”, é un concepto tomado do xa falecido José Ortiz Echagüe, recoñecido fotógrafo español do século XX. “As súas fotos impresionáronme moito”, explica Chaos, que se confesa en constante aprendizaxe, e co obxectivo enfocando xa a novos horizontes, como a astrofotografía.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir a Inicio