Crónica del sur de Lugo

O Carude Rock 2019 vístese de etiqueta

• O festival, que terá lugar o 9 de agosto neste barrio monfortino, premiará ir vestido coa camisola oficial do evento

Os organizadores do Carude Rock, na presentación realizada no Concello de Monforte o día 5. GPCM

O venres 9 de agosto, a partir das 20,30 horas, Monforte vibrará coa forza do Carude Rock. O festival, que acada a súa cuarta edición, celebrarase neste popular barrio monfortino, con estrea de datas e de actividades.

AGORA, EN AGOSTO
Segundo explicou o presidente do comité organizador, José Luís Vázquez Rodríguez “Lito”, o Carude Rock estaba vinculado ás festas do barrio, pero este ano, decidiuse cambiar as datas e traelo ao mes de agosto, máis favorable en canto á climatoloxía, e para non desvirtuar o carácter máis tradicional das festas do San Lázaro.

CINCO GRUPOS
O Carude Rock, que ten ao Concello de Monforte como principal patrocinador, contará con cinco grupos galegos. A Praza de Carude acollerá a grupos con música propia, como Sr. Jingles, do Barco, e Kambotes, de Rodeiro, e encherase coas versións de pop-rock a cargo dos ourensáns En Mala Hora e dos vilagarcianos Dani Barreiro & Friends. O plantel complétase cun concerto tributo a Héroes del Silencio, a cargo do grupo sarriao Acapulco 94. Todos os concertos son de balde.
Na contorna do festival, haberá un posto de bocadillos.

MELLOR IR COA CAMISETA OFICIAL DO CARUDE ROCK
Na presentación do festival, celebrada no Concello o día 5, os organizadores explicaron as novidades desta edición, vinculadas todas á camiseta oficial do evento. Todas as persoas que acudan aos conciertos vestidos con esta prenda, serán premiados cunha pancetada gratuíta a partir das 22 horas. Así mesmo, estará en marcha un concurso fotográfico en Facebook sobre o festival, e para participar hai que levar posta a camiseta nas imaxes que se envíen.

ONDE MERCAR A CAMISETA DO CARUDE ROCK
Para os que queiran desfrutar ao máximo do Carude Rock, poden mercar previamente a camiseta oficial do evento nos establecementos monfortinos KM 0, Talleres González, Bar Jardín, Bar Capilla, Taberna do Camis e Jardín das Delicias. Tamén poden adquirirse contactando cos organizadores do festival.

PROMOCIÓN PARA OS GRUPOS DA CONTORNA, E MÁIS ACTIVIDADE PARA O BARRIO DE CARUDE
Na presentación, o alcalde de Monforte, José Tomé, salientou que o Carude Rock “é un bo escaparate para os grupos da bisbarra”, o que lles permite “darse a coñecer ante o público”. O rexedor local destacou a aportación de 3.800 euros que achega o Concello, e apuntou que o Carude Rock “suporá unha importante actividade para este barrio, que na noite do 9 de agosto de seguro recibirá a centos de visitantes”. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio