Crónica del sur de Lugo

Grandes concertos de balde, actividades culturais e animación na rúa para desfrutar das Festas Patronais de Monforte 2019

•Do 11 ao 16 de agosto, Monforte de Lemos acollerá espectáculos e actividades para todos os públicos

O alcalde, José Tomé, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, deron a coñecer o programa das Patronais o 31 de xullo. GPCM

As Festas Patronais de Monforte de Lemos comezarán en domingo, con luces e música por partida dobre. Será precisamente unha cantante, Lucía Pérez, a encargada de abrir os festexos co pregón na tarde do 11 de agosto, o que dará paso ao encendido do alumeado festivo nas rúas monfortinas, e á actuación, xa ás once da noite, da Garufa Blue Devils Big Band. Esta formación encherá a Praza de España de swing, facendo un repaso polos grandes clásicos deste xénero, e da música afrocubana e o cabaré.

OS PARENTES DE SOBER, NA PRAZA DE ESPAÑA
O luns 12 de agosto, as alboradas do Grupo de Gaitas do Concello de Monforte arrancarán unha nova xornada festiva xunto aos cabezudos. O grupo Sincronacidas traerá risas e animación á Praza de España co seu espectáculo “Ohlimpiadas”, no que mistura circo, acrobacia e clown. Haberá dúas sesións, á unha e ás oito da tarde.
Dende as oito e media, os Xograres de Lemos amenizarán a tarde con pasarrúas dende o Barrio da Estación. A música voltará ás once da noite, coa verbena da orquestra Marbella na Compañía. Á mesma hora, Os Parentes de Sober darán un concerto na Praza de España. Ás doce e media, será o concerto de Dvicio na Compañía, e ao remate, a festa continuará coa orquestra Marbella.

DOBRE ESPECTÁCULO DE RÚA
O martes 13 de agosto amencerá coas alboradas do Grupo de Gaitas de Monforte, e ás 12 comezará o novo espectáculo de rúa, desta volta co Mago Paco, que sorprenderá a nenos e maiores co seu número “Hocus Pocus A Illa dos Nenos”. Este espectáculo voltará á rúa Cardeal ás sete da tarde. En paralelo, na Praza de España poderá verse, á unha e ás oito, o número “Alegre Divertimento”, no que Arturello di Popolo conxugan mimo, clown e maxia.

CONCERTO DA BANDA DO CONSERVATORIO DE MONFORTE, O MARTES Á NOITE
Pola noite, a Praza de España acollerá un concerto da Banda de Música do Conservatorio Municipal de Monforte, ás once. A esta mesma hora, comezará a música na Compañía, coa verbena da orquestra Finisterre, que deixará paso ao concerto de Carlos Baute ás doce e media, para logo seguir animando a noite dende as dúas.

ACROBACIAS E ESPECTÁCULO DE RÚA PARA TODOS
As alboradas do mércores 14 de agosto arrancarán do Campo de San Antonio ás doce, hora á que tamén comezará o “Concerto Malabar”, nome do espectáculo de rúa que traerá Raulez á rúa Cardeal, ás doce e ás sete. Na Praza de España, Desastronauts sorprenderá co seu número de acrobacia “Máis alto aínda”, á unha e ás oito da tarde.

BANDA DE MÚSICA DE CHANTADA
A música tradicional voltará ás oito e media coa Asociación Amigos da Pandeireta de Monforte, que paseará os seus sons dende a Praza de Carude ata o centro da cidade. A orquestra Principal amenizará a verbena dende as once na Compañía, e á mesma hora, a Praza de España acollerá un concerto da Banda de Música de Chantada. Ás doce e media, comezará o concerto de Chenoa na Compañía, e ao remate, seguirá a festa coa orquestra Principal.

DÍA GRANDE
O xoves 15 de agosto arrancará co lanzamento de 21 bombas de palenque. O Campo de San Antonio será o punto de encontro, ás dez da mañá, para os veciños e veciñas que queiran sumarse á celebración do Día da Patroa do Val de Lemos. Os actos na honra da Virxe de Monserrat arrancarán coa comitiva de autoridades locais que, a partir das dez e media, comezarán a subida ao monte de San Vicente, acompañados polos Grupos de Gaitas e de Danzas do Concello de Monforte.
A igrexa de San Vicente do Pino acollerá, ás once, a misa cantada pola Coral Polifónica de Monforte, seguida da Ofrenda Floral e a actuación dos grupos de música e danza tradicionais. A mañá completarase coa saída dos xigantes e cabezudos polas rúas de Monforte.

DÍA DO GAITEIRO
Ao longo da mesma xornada do xoves 15, celebrarase o Día do Gaiteiro, coa participación de media ducia de formacións de música tradicional, que amenizarán o ambiente das rúas dende as once ata a unha. Xa pola tarde, outros seis grupos participarán na Praza de España, a partir das oito e media, na Mostra de Danza e Música Tradicional.
Pouco despois do inicio da verbena, ás once e media, comezará o espectáculo das Barcas Engalanadas, e ás doce, os Fogos Artificiais dende San Vicente. O concerto de Blas Cantó e a verbena posterior rematarán a xornada.

FIN DE FESTAS COA PANORAMA
As alboradas dende o Barrio de Carude abrirán a xornada do venres 16, que incluirá espectáculos de rúa, con acrobacias na Praza de España, á unha e ás oito, e con animación infantil ás doce e ás sete no Cardeal.
A noite será a gran protagonista do fin de festa das Patronais. Monforte despedirá os festexos coa verbena a cargo da orquestra Panorama, dende as once na Compañía, e ás dúas e media actuará o grupo Sr. Aliaga.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio