Crónica del sur de Lugo

Quiroga vístese de festa na súa semana grande do verán

•Do 8 ao 11 de agosto, a vila quiroguesa vibra cunha ampla axenda de actividades, entre as que están a Orquestra Panorama e Susana Seivane

A rúa Real, arteria principal da capital municipal, concentra boa parte da axenda lúdica e musical das Festas do Verán de Quiroga. Arquivo EC

Quiroga celebra con numerosas actividades as Festas do Verán. Do 8 ao 11 de agosto, a música e a gastronomía enchen a paisaxe urbana da capital municipal, con propostas para todas as idades.

FESTA DA XUVENTUDE CON DJ E REMATE COA PANORAMA
A cita de apertura, o xoves 8 de agosto, é coa Festa da Xuventude e da Cervexa Artesá, dende as seis da tarde, amenizada pola música do DJ Michel. Dende as once da noite, veciños e visitantes poderán desfrutar da actuación, adicada á xuventude, da Orquestra Panorama.

ESTREA DO TORNEO DE STREET VOLLEY, E FESTA DA COMUNIDADE
O venres 9 de agosto pola tarde, o Parque da Constitución acollerá, a partir das seis, o V Torneo Street Soccer e o primeiro Torneo Street Volley.
A XIII Festa da Comunidade comezará ás nove e media da noite, cunha gran paella tamén no Parque da Constitución. Dende as once, a festa estará amenizada polo Dúo Camelia.

CONCERTO DA BANDA DE MÚSICA DE CHANTADA
Trala celebración, o sábado 10 de agosto, da XXVIII Mostra do Mel de Quiroga, a axenda das Festas do Verán completarase cos actos do domingo día 11. A mañá arrancará coa alborada a cargo da Banda de Música de Chantada, dende as doce e media. Esta mesma agrupación ofrecerá, á unha e media, un concerto na propia rúa Real, diante do edificio do Concello.
Pola tarde, a partir das sete, a Praza de España acollerá o Concurso Pinta con Xiz no Chan, coa entrega de premios do Certame de Debuxo Infantil. Ás oito, os cativos desfrutarán co espectáculo de rúa “O Folión Zampón”. Ás nove e media voltará a música, co grupo Nazaret, para rematar coa verbena a cargo do grupo Limón.•

Produtos de calidade elaborados na contorna, protagonistas na XXVIII Mostra do Mel de Quiroga

Produtos locais como as mermeladas, licores e confituras, poderán atoparse, xunto ao aceite e o mel da contorna, nos diversos postos da XXVIII Mostra do Mel de Quiroga. Arquivo EC

A xornada do sábado 10 de agosto está reservada aos produtos locais. A edición número vinteoito da Mostra do Mel de Quiroga permitirá mergullarse nos sabores da contorna, a través do mel e o aceite elaborados en Quiroga, así como as mermeladas, os licores e os doces típicos destas terras.
A gastronomía estará acompañada por música e animación ao longo da xornada.
MAXIA E ANIMACIÓN PARA OS MÁIS CATIVOS
O grupo de gaitas O Recanto animará a apertura dos postos da Mostra do Mel de Quiroga ás doce da mañá. A partir desta hora, e ata as tres da tarde, os cativos poderán desfrutar do espectáculo de maxia e animación “Petite Caravane”, na caravana que se instalará na rúa Real. Este número infantil, a cargo da compañía Animatium, voltará de oito a dez da noite.

CONCERTO DE SUSANA SEIVANE
A partir desta hora, tomará o relevo o grupo Atenas, que animará a festa popular. A xornada rematará co concerto de Susana Seivane, a partir das doce e media da noite. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio