O colexio de Currelos: 25 anos de función educativa no rural

O descenso do alumnado obrigou á concienciación da comunidade educativa no aforro para poder manter en activo un centro que é dinamizador do pobo

Redacción-Monforte

O Colexio de Currelos celebrou este curso o seu 25 aniversario e fíxoo cun xantar no que estiveron presentes moitos ex alumnos e antigos mestres, xunto cos membros da actual comunidade educativa. Reuníronse arredor dunhas 200 persoas que reflexionaron sobre a historia deste pequeno centro educativo que abría as súas portas en 1985.

AQUELES 180 ALUMNOS

Abaixo, un grupo de alumnos do curso 85/86. CEIP Currelos

Naquel momento, o colexio de Currelos, localidade situada ao norte do concello do Saviñao e segunda do municipio en número de habitantes despois de Escairón, albergaba uns 180 alumnos, cifra que dista moito dos 32 rapaces que asisten na actualidade ás aulas en Currelos. O colexio púxose en marcha pola necesidade de concentrar os numeroros escolares da zona norte do Saviñao, en moitos casos habitantes de núcleos moi distantes da vila de Escairón.

POLÍTICA DE AFORRO

Actualmente imparten as clases cinco mestres, e o director, Anxo Carro, apunta que non temen demasiado que a administración puidese algún día prantexarse o peche deste centro por escasez de alumnos, xa que “se queremos manter vivo o rural, non se pode pensar que se vaia recortar en cousas como a sanidade e a educación nestes pequenos núcleos rurais”. Pensando na necesidade de racionalizar recursos, a comunidade educativa desta escola leva anos aforrando, concienciada da necesidade de non despilfarrar nin a luz, nin a auga, nin o combustible que precisan para funcionar. Neste obxectivo participan todos e procúrase que os sistemas de peche sexan o máis herméticos posibles; si se precisa facer obras, particípase nelas, e as luces non permanecen prendidas nin un segundo máis do necesario. Para o director do centro, isto contribúe moito a que este colexio de educación infantil e primaria non supoña demasiados gastos á Administración.

OITO RAPACES POR AULA DEBIDO Á DESPOBOACIÓN

O cambio máis significativo que se tería producido no centro en todos estes anos é precisamente o descenso do alumnado, que obrigou a que na actualidade distintos cursos estean agrupados na mesma aula e sexa un profesor o que imparta a materia en distintos niveis ao mesmo tempo. Distribúense nunha media de oito rapaces por aula. Lonxe de ser unha desvantaxe, este aspecto pode ser incluso enriquecedor tanto para mestres como para alumnos, uns vense obrigados a estar se cabe máis preparados, e outros vense na obriga de familiarizarse cunha aprendizaxe de niveis superiores.

HOMENAXE ÁS TRABALLADORAS MÁIS VETERANAS

Dula Moreiras, a cociñeira do colexio, é a persoa que máis antigüidade ten no centro, desenvolvendo o seu traballo no mesmo dende o momento da súa creación. 16 anos levaba tamén a mestra Carmen Mariño, que recibe a xubilación este ano, que foi tamén homenaxeada nos pasados días.

UN COLEXIO RURAL

Instalacións do colexio de Currelos, en funciomanento dende o ano 1985. (CEIP Currelos)

Para Carro, o carácter marcadamente rural deste tipo de centros diferénciaos doutros situados en cidades e vilas máis grandes en que “as relacións humanas adoitan ser máis intensas”, algo que é a todas luces positivo. Este mestre pasou por uns 20 centros nos que non se atopou nada parecido neste senso. As dificultades máis reseñables ás que se enfronta a dirección dun centro destas características sexan quizáis o traballo administrativo, ao que non pode dedicárselle tanto tempo ao contar con moitas horas de docencia. “Cada vez hai máis cousas que facer”, apunta Anxo Carro, pero o bo ambiente ao que todos contribuímos fai que ao final traballo vaia saínda cara adiante. A organización de actividades fóra das aulas e a propia existencia dun colexio contribuén a dinamizar, en moitos sensos, o pobo de Currelos.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Lemos aposta polo futuro: balance do estreno das categorías infantís

Seguinte Nova

Volta ao pasado en Rubián

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: