Crónica del sur de Lugo

Os Orzamentos locais para 2019 tratarán de poñer a Monforte a débeda cero

José Tomé deu a coñecer os Orzamentos de Monforte para 2019 a finais de xuño, xunto á tenente de alcalde, Gloria Prada. GPCM

A continuidade de José Tomé como alcalde de Monforte tras lograr outro mandato, desta volta por maioría absoluta, tivo como primeiro efecto a nivel local a aprobación dos Orzamentos para este ano. As contas municipais estaban paradas, logo de que, en novembro pasado, a oposición tumbara a proposta de Tomé, daquela nun goberno en minoría. Aos quince días de tomar posesión, o rexedor socialista presentou de novo os Orzamentos, cumprindo así o compromiso electoral de ter resolto este tema en xullo, “para que os clubes e asociacións poidan cobrar as axudas no propio 2019”.

UN 2,42% MÁIS DE INGRESOS
As contas do Goberno socialista para Monforte estiman uns ingresos de arredor de 12.930.000 euros, o que supón un 2,42% máis que o ano anterior. Un dos aspectos máis destacados por Tomé foi o obxectivo de poñer ao Concello “a débeda cero”. “Por primeira vez na historia democrática desta institución”, destacou o alcalde, “non se vai solicitar ningún crédito bancario”, para que “o Concello non deba nin un só euro aos bancos, e os monfortinos sexamos cidadáns sen débeda pública”.

A ATENCIÓN ÁS PERSOAS, “UN PILAR DE GOBERNO”
Por áreas, o rexedor socialista destacou a mellora dos servizos sociais, “porque a atención ás persoas é un pilar fundamental na nosa xestión”. Deste xeito, incrementaranse en 40.000 euros os fondos para a axuda a domicilio, e en 10.000 euros máis os de emerxencias sociais. Así mesmo, manterase “flexible” a partida para combater a pobreza enerxética, “por se houbese que reforzala con outras partidas”, salientou. Ademais, crearase unha nova praza de Traballadora Social, cofinanciada entre o Concello e o Plan Concertado.
Tamén medra en 12.000 euros, o orzamento para a Unidade de Drogodependencias.
O Concello duplicará a aportación para bus escolar, ata os 27.000 euros, por ter aumentado o servizo debido aos horarios diferentes dos colexios.
Medra a aportación para eventos culturais, con 16.000 euros máis na partida única do Verán Cultural e Festas Patronais, e 12.000 máis para a Feira Medieval. En deporte, os clubes contarán co dobre do que recibían en 2015, incorporando este ano ao Club Ciclista Monforte e o Club de Pesca Río Cabe. •

• 1,4 MILLÓNS PARA MELLORAS NO SANEAMENTO: Esta semana, saiu a información pública o proxecto para mellorar a rede nas rúas Santa Clara, A Veiga, Chantada, Juan Montes e Padre Feijóo. O Concello aporta 400.000 euros, e a Deputación e a Confederación Hidrográfica o resto a partes iguais•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio