Concertos, literatura, cine e artesanía no Verán Cultural de Monforte

•En xullo, terá lugar o Festival 17º Ribeira Sacra, e o VI Fancine de Lemos

A Feira do Libro de Monforte estará aberta na rúa Cardeal do 28 ao 31 de agosto. Arquivo EC

Máis dunha trintena de eventos compoñen o Verán Cultural 2019, unha ampla oferta que dinamizará a axenda de lecer en Monforte durante xullo, agosto e setembro. Ademais do programa de concertos das Festas Patronais, que se celebrarán do 11 ao 16 de agosto, a cidade do Cabe acollerá eventos vinculados ao cine, a literatura e a música.

PASEOS EN BARCA
O Verán Cultural arrancou co III Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos, que xuntou enoloxía, natureza, música e actividades para toda a familia no Paseo do Malecón. O río Cabe axuda a refrescar o verán monfortino, cunha nova quenda dos Paseos en Barca, que están operativos ata setembro.

MÚSICA E CINE
A música voltará a Monforte co Festival 17º Ribeira Sacra, do 18 ao 21 de xullo. Días despois, o cine tomará o relevo, coa sexta edición do Fancine de Lemos – Festival de Cine Fantástico e de Terror de Monforte, unha iniciativa xa consolidada que cada ano ofrece propostas sorprendentes e novidosas.

ROCÓDROMO E TIROLINA
A axenda de xullo complétase coas actividades lúdicas que organiza o CCU Monforte na Praza da Compañía. Do 25 de xullo ao 3 de agosto, o rocódromo, a tirolina e un circuíto de obstáculos encherán de animación este emblemático espazo monfortino.

GALA DE MAXIA E CONCERTOS EN AGOSTO
O gran mes do verán de Monforte arrancará coa 21ª Mostra de Artesanía Artelemos, do 3 ao 7 de agosto. A maxia chegará á cidade do Cabe da man do programa Cultura no Camiño 2019, coa Gala do Mago Lamas e outros catro artistas do ilusionismo.
As citas musicais comezarán co Festival Carude Rock, o día 9, xornada na que tamén se celebrará o concerto de Swing Sentido. O sábado 10 de agosto, o grupo monfortino Doc Magoos ofrecerá un concerto na Praza de España. Este espazo será o escenario da actuación da Garufa Blue Devils Big Band and Sito Sedes, o domingo 11.
Ademais, o 17 e 18 terá lugar a Feira de Oportunidades de Verán do CCU Monforte. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Máis de 300 participantes no IV Night Trail de Quiroga

Seguinte Nova

Contacontos, música, inchables e obradoiros para nenos e mozos enchen o verán de Ribas de Sil

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: