Crónica del sur de Lugo

Feira Medieval Guímara: Unha lembranza festiva da loita fronte ao poder na Pobra do Brollón

•A dramatización da revolta guímara centrará os actos da mañá do sábado 13 de xullo •Xogos para nenos e mozos, música e unha visita guiada polo casco vello da Pobra completan a xornada

A dramatización da revolta do pobo guímaro contra o Conde de Lemos é un dos eventos máis destacados do programa da Feira Medieval Guímara.
(Arquivo EC)

A histórica revolta dos guímaros fronte aos abusos de poder do Conde de Lemos recordarase, por sexto ano consecutivo, na Pobra do Brollón. O sábado 13 de xullo, terá lugar a VI Feira Medieval Guímara, unha cita xa consolidada no calendario de eventos que se inspiran no pasado, para festexar, neste caso, o espírito de resistencia e identidade deste pobo.

PREGÓN DA POETA NOA MOREIRA, ANTES DA RECREACIÓN DA REVOLTA
A xornada festiva estará ambientada con postos de artesanía e demostracións de oficios tradicionais todo o día, ademais de espectáculos de cetraría no campo da feira da Pobra. Ás 12 terá lugar a lectura do pregón, que este ano estará a cargo da poeta guímara Noa Moreira. Un pouco antes da unha da tarde, comezará a posta en escea, tamén no campo da feira da Pobra, da revolta de todo o pobo guímaro fronte aos soldados do Conde de Lemos. Son os propios veciños da Pobra, de todas as idades, os que dan vida cada ano aos seus antepasados nesta dramatización da loita dunhas xentes pola súa liberdade. Ao remate, haberá pasarrúas e música tradicional, para dar paso ao xantar popular no campo da feira, previa retirada dos vales no restaurante Avenida.

MÚSICA, XOGOS E VISITA GUIADA
A tarde comezará ás 17,30 co café-concerto de Cé Orquestra Pantasma, e unha hora despois, arrancará unha visita guiada polo casco vello da Pobra, da man do arqueólogo Xurxo Ayán. Ás 19,30, comezará un xogo de probas para rapaces e rapazas, con inscrición previa no teléfono 650 624 828.
O grupo de percusionistas e tamborileiros Aperca dará paso á última quenda de actividades, con pasarrúas dende as 20,30. Xa ás 21 horas, desenvolverase unha sesión de Cantos de Cego, para continuar, media hora máis tarde, coa actuación de Celso Sanmartín. Ás 22,30, terá lugar outro espectáculo de rúa, e o fin de festa, a partir das 23 horas, virá da man do grupo Aperca.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio