Os maiores da provincia xa desfrutan de prazas públicas en residencias e centros de día da Deputación

• O organismo provincial ofreceu atención a 1.700 maiores do sur lucense a través do Servizo de Axuda no Fogar e da Teleasistencia

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) tamén permite agora incluír os gastos de material sanitario ou do desprazamento dos usuarios ao médico, acompañados polos profesionais. Na imaxe, o mandatario provincial na súa visita a un usuario do SAF en Sarria. GPDL

A provincia de Lugo está a experimentar un grave problema poboacional, debido ao alto nivel de envellecemento dos seus habitantes. Esta característica agrávase pola grande dispersión dos núcleos poboacionais, o que obriga ás administracións públicas a activar políticas que permitan ofrecer unha atención profesional a todos os maiores que o precisen, con especial atención aos que residen no rural.

AS RESIDENCIAS E CENTROS DE DÍA DE TRABADA, POL E RIBADEO XA ATENDEN A MEDIO CENTO DE MAIORES
Tendo en conta estas necesidades, o Goberno da Deputación de Lugo puxo en marcha un modelo pioneiro de residencias e centros de día públicos, que en Trabada, Pol e Ribadeo xa están a atender aos seus primeiros usuarios, un total de 50, e que irán en aumento en vindeiras datas. A Deputación, institución responsable da súa apertura e funcionamento, está a construír unha ampla rede de residencias públicas en toda a provincia. Deste xeito, o organismo provincial dá resposta a unha necesidade cada vez máis palpable no territorio lucense, debido ao envellecemento poboacional.

As residencias e centros de día que está a abrir a Deputación nos concellos lucenses vén completar o sistema de atención aos maiores, co obxectivo de ofrecer un servizo profesional e de proximidade, mellorando a calidade de vida dos usuarios, de xeito que manteñan o vínculo cos seus veciños e co seu entorno. GPDL

ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE PARA OPTAR ÁS PRAZAS EN 4 CENTROS
Xunto aos servizos de Trabada, Pol e Ribadeo, a Deputación porá en funcionamento proximamente a residencia da Fonsagrada. As solicitudes xa están abertas, e as persoas que queiran beneficiarse das 200 prazas que ofrecen estes catro centros de maiores poden chamar ao teléfono 982 260 138, ou solicitar toda a información nos propios Concellos.

O presidente da Deputación, Darío Campos, e o voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos, comproban a utilización do servizo de Teleasistencia por parte dunha usuaria dende o seu domicilio. GPDL

15 NOVOS CENTROS PROXECTADOS
Para levar este servizo a toda a provincia, a Deputación proxecta novos centros nos concellos de Castroverde, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Becerreá, Guitiriz, Portomarín, Pantón, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna, Meira, Cervantes, Ourol e Xermade.

ACCESO UNIVERSAL E PRAZAS PREFERENTES PARA OS VECIÑOS
O Goberno provincial, en colaboración cos concellos, estableceu un protocolo para o funcionamento das residencias e centros de día. Este protocolo garante a xestión pública para estes centros. Ademais, dá preferencia para acceder ás prazas aos propios veciños do municipio no que estea instalado o centro ou residencia; en segundo lugar irán os veciños dos concellos limítrofes, e a continuación os do resto da provincia. Outra das garantías que establece este protocolo é que todos os veciños, independentemente da súa situación económica, poidan acceder ás prazas.

A aplicación das novas tecnoloxías á atención dos maiores nos seus domicilios facilita que estean en contacto periódico con profesionais, que seguen as súas rutinas de medicación, alimentación e benestar. Ademais, en caso de emerxencia, poden acudir ao domicilio do usuario en canto aparece o problema. GPDL

FINANCIACIÓN
En canto ás tarifas, os prezos van segundo a capacidade económica dos usuarios, tendo en conta que, en calquer caso, sempre lles quedará libre o 25% dos seus ingresos para dispoñer no día a día. Así mesmo, a Deputación financia o 75% do custe de cada praza (ata un máximo de 600 euros). No caso de que esta cantidade sexa insuficiente, o organismo provincial aportará o déficit económico dos centros situados en Concellos de menos de 5.000 habitantes, por seren os que teñen menos recursos. Se os municipios teñen máis de 5.000 habitantes, serán os Concellos os que asuman dito déficit. Esta fórmula de financiación garante o acceso universal de todos os lucenses ás prazas dos centros de día e residencias provinciais.

A Teleasistencia gratuíta permite aos maiores lucenses dispoñer de atención personalizada e profesional as 24 horas do día, os 365 días do ano, sen deixar a súa casa. GPDL

CENTROS ABERTOS E ADAPTADOS ÁS PERSOAS
Para atender ás necesidades dos maiores, os centros da Deputación son abertos, de xeito que os usuarios poden entrar e saír con libertade, e incluso ofrecen horarios flexibles para as comidas, sempre dentro dunha marxe que permita a convivencia. Así mesmo, durante o primeiro mes, desenvólvese un plan de atención individualizada, para valorar que necesita cada usuario, como evoluciona e como se adapta á nova situación, ademais de deseñar que actividades lles son máis axeitadas. A partir deste primeiro mes, os usuarios incorpóranse ao seu plan específico, que se mantén no tempo e se vai adaptando á súa evolución.

ATENCIÓN PROFESIONAL AOS MAIORES NOS SEUS DOMICILIOS
A Deputación leva prestando o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a Teleasistencia gratuíta aos maiores, adicando 1,2 millóns para atender a 1.700 usuarios de 11 concellos do sur lucense.
O Servizo de Axuda no Fogar, ademais de xerar emprego coa contratación de coidadores lucenses, vén de aumentar a cobertura da atención aos maiores. Un dos cambios máis significativos que se introduciron nos últimos anos foi a posibilidade de incluír os gastos pola compra de material sanitario ou polo desprazamento dos usuarios ás citas médicas, acompañado polo persoal do SAF.
Así mesmo, o Goberno provincial tamén renovou o servizo de Teleasistencia gratuíta, sen custe ningún para os usuarios, e que garante aos maiores con dificultades na súa autonomía atención e asistencia as 24 horas do día os 365 días do ano. •

• INVESTIMENTOS EN ATENCIÓN AOS MAIORES NOS CONCELLOS DO SUR

• Monforte de Lemos: 143.000 € •Sober: 118.516 € • Pantón: 116.140 € • Bóveda: 92.656 € • A Pobra do Brollón: 124.121€ • O Saviñao: 120.892 € • Quiroga: 119.144 € • Ribas de Sil: 113.562 € • Samos: 82.900 € • Chantada: 139.239 €

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Paisaxe, gastronomía, tradición e diversión para celebrar a terceira edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

Seguinte Nova

Arrancou en Monforte a tempadas dos Paseos en Barca polo río Cabe

Últimas noticias sobre EMPREGO

A %d blogueros les gusta esto: