Crónica del sur de Lugo

Paisaxe, gastronomía, tradición e diversión para celebrar a terceira edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

•Música, animación e obradoiros completarán o programa de actos no Malecón, do 5 ao 7 de xullo

O alcalde de Monforte, José Tomé, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro José Luís Losada, presentou os detalles do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, na roda de prensa celebrada no Centro do Viño o 21 de xuño. GPCM

Monforte será a capital enolóxica coa celebración, o 5, 6 e 7 de xullo, do Festival do Viño da Ribeira Sacra. A terceira edición do evento volverá contar con 25 adegas, que ofrecerán os seus viños no Malecón, nun entorno “natural, tranquilo e á beira do río Cabe”, segundo apuntou o alcalde de Monforte, José Tomé, na presentación do programa de actos.

APERTURA O VENRES POLA TARDE, E ACTUACIÓNS NA PRAZA DE ESPAÑA
O Festival arrancará na tarde do venres 5 de xullo, coa apertura dos stands a partir das seis, e a inauguración oficial, media hora despois. Xa pola noite, a animación trasladarase á Praza de España, coa actuación, a partir das once, de Nova Galega de Danza, grupo que fusiona danza e música de raíz galega cunha vocación universal. Xa de madrugada, ás doce e media, a xornada pecharase coa música de Habelas Hainas, formación constituida por catro mulleres cunha ampla traxectoria musical, que ofrecerán un concerto con música de raíz galega chea de enerxía, frescura e orixinalidade.

OBRADOIROS E CONCERTO O SÁBADO
Na mañá do sábado 8 de xullo, o Festival abrirá as súas portas ás once, para dar paso á primeira actividade do día. De doce a dúas, desenvolverase na caseta de actividades do Malecón un obradoiro de olería de Gundivós, a cargo de Figulus. Xa pola tarde, retomarase a axenda de actividades co obradoiro “Descórchate”, a cargo de Velaísca Animación. Dende as seis ata as sete, os participantes empregarán materiais relacionados co mundo do viño, como a cortiza. A continuación, e ata as oito, terá lugar un taller tradicional de contacontos, da man de Anxo Moure.
A música chegará ás once e media da noite, co concerto de The Teta’s Van na Praza de España.

DOUS TALLERES PARA REMATAR O FESTIVAL
O domingo 7 de xullo acollerá pola mañá un obradoiro de contacontos, con Anxo Moure, de doce a unha, e o “Taller Sensorial da Ribeira Sacra”, guiado por Velaísca Animación, dende a unha ata as dúas da tarde, hora na que se clausurará o Festival.

5 VIÑORUTAS PARA MERGULLARSE NA PAISAXE DO VIÑO
Como complemento aos actos que se desenvolverán no Malecón e na Praza de España, o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte propón un paquete de cinco ViñoRutas para coñecer a singular paisaxe na que se producen estes viños.
Para o venres pola mañá está programada a ruta “De Río e de Pedra”, con saída ás 9,30 dende Monforte, para visitar a igrexa románica de San Paio de Diomondi, e facer a andaina dos Codos de Belesar. A continuación, o itinerario seguirá cunha viaxe en catamarán polo Miño, con visita á adega Pilares de Belesar, e rematar coa volta ao recinto feiral do Malecón de Monforte.
Tamén na mañá do venres terá lugar a ruta denominada “Unha Historia en Pedra”, que consistirá nun roteiro guiado polo patrimonio monumental e cultural da cidade de Monforte de Lemos. Pola tarde, desenvolverase a ViñoRuta polo Sil. O itinerario “De Viño e de Tradición” arranca cunha visita á Olería de Gundivós, dúas adegas en Castro Caldelas, e ao Miradoiro de Soutochao, en Doade.
Na mañá do sábado, a ruta “Camiñando entre Viñas” incluirá unha visita ao Cabo do Mundo, e á adega Abadía da Cova, cunha cata comentada. A ViñoRuta seguirá no Ecomuseo Pazo de Arxeriz, no Saviñao, e na igrexa de San Miguel de Eiré, en Pantón. Pola tarde, a ViñoRuta do Sil achegarase á Adega Algueira, cunha viaxe en catamarán. •

•PRETO DE 40 PARTICIPANTES DARÁN VIDA AO PROGRAMA DO FESTIVAL DO VIÑO

ADEGAS. Algueira. Peza do Rei. Ponte da Boga. Abadía da Cova. Alma das Donas. Lucenza. Atrium Vitis. Rectoral de Amandi. Petrón. Don Bernardino. Adega Vella. Condado de Sequeiras. Instinto Romano. Pilares de Belesar. Rectoral de Gundivós. Guímaro. Viña Vella. Tolo do Xisto. Malcavada. Tear. Coronin. Ciudáseis. Regina Viarum. Finca Míllara. Vía Romana.

GASTRONOMÍA. Queixo de Cabra SCG. Queixo Negro Buleri. Casa Neiras (Alimentación Tradicional). Xamóns Don Francisco (membro da Asociación Nacional de Cortadores de Xamón). Establecementos Asociados E Para Comer Lugo:Tapería Centro do Viño, Garden Jungle Bar, e Restaurante MC.

ARTESANÍA. Olería Elías González (Rectoral de Gundivós). Olería Tradicional da Ribeira Sacra (Figulus). Contos (Artesanía e Cerámica). Tenda En Lá (Artesanía).

OBRADOIROS INFANTÍS. Anxo Moure. Velaísca Animación. Brais Moure. Olería Tradicional da Ribeira Sacra (Figulus).•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio