Continuidade xeral para os mandatos que saíron das urnas o 26-M

•Os alcaldes electos tomaron posesión dos seus cargos •O sur de Lugo apostou pola continuidade na xestión política en boa parte dos municipios

Julio Álvarez, do Partido Popular, na súa novena investidura como alcalde de Quiroga, o pasado 15 de xuño. GPCQ

O 15 de xuño, a Corporación Municipal de Quiroga investiu, por novena vez consecutiva, a Julio Álvarez como alcalde.
O rexedor do Partido Popular, que logrou de novo maioría absoluta, agradeceu aos veciños por darlle “unha vitoria inigualable nos últimos 32 anos que levo como alcalde”. Álvarez, investido co apoio de 8 dos 11 concelleiros que integran a Corporación municipal, comprometeuse “a seguir traballando na mesma liña”. O rexedor popular rematou o seu discurso de investidura apuntando ás directrices do seu equipo para os vindeiros catro anos: “Traballo, esforzo e Quiroga sobre todo e ante todo”.
Julio Álvarez debutou como rexedor no ano 1987, ao gañar con maioría absoluta como candidato de Alianza Popular. Cando a formación pasou a ser o Partido Popular, Álvarez continuou revalidando a maioría na Corporación ata as pasadas eleccións do 26-M.•

José Tomé Roca, na toma de posesión do que será o seu segundo mandato á fronte do Concello de Monforte de Lemos. (Foto: MONTERO)

Logo de acadar maioría absoluta nas eleccións municipais do 26-M, o socialista José Tomé Roca tomou posesión, o 15 de xuño, como alcalde de Monforte de Lemos. No inicio do seu segundo mandato, Tomé agradeceu a todos os veciños e veciñas de Monforte «o seu apoio por depositar en min a maior confianza política que houbo neste Concello nos 40 anos que levamos de democracia municipal». José Tomé destacou que «durante a campaña, eu era o candidato do Partido Socialista, pero a partir de hoxe son o alcalde de todos». O rexedor socialista foi investido cos 11 votos a favor dos seus concelleiros, 4 votos en contra e dúas abstencións.

CAMIÑA SARRIA LOGRA A ALCALDÍA
Na vila xacobea, o que fora alcalde socialista hai dous mandatos, Claudio Garrido, volveu tomar o bastón de mando, esta vez encabezando a formación Camiña Sarria, a máis votada, con seis concelleiros, nuns comicios aos que concurriron nada menos que dez partidos. A segunda forza máis votada foi o Partido Popular, que acadou seis edís.

VARELA REPITE COMO ALCALDE, AGORA BAIXO AS SIGLAS DO PP
Manuel Varela revalidou a maioría absoluta, aínda que, desta volta, como cabeza de lista do Partido Popular. A resposta das urnas deu a Varela 7 dos 13 concelleiros que integran a Corporación.

MAIORÍA ABSOLUTA DE ÁLVAREZ EN PANTÓN
Os votantes de Pantón optaron por dar continuidade a José Luís Álvarez, que seguirá á fronte da Corporación no seu cuarto mandato, logo de acadar para o Partido Popular 6 dos 11 edís. •

Xosé Luís Maceda Vilariño, na súa cuarta investidura como alcalde da Pobra do Brollón. (Foto: CPB)

Na sesión constitutiva da Corporación Local, celebrada o 15 de xuño, o nacionalista Xosé Lois Maceda Vilariño foi investido como alcalde da Pobra do Brollón por cuarta vez consecutiva. Maceda reforzou para o Bloque Nacionalista Galego a maioría absoluta, gañando un concelleiro máis respecto a 2015.
O alcalde agradeceu aos veciños a súa presenza no acto de investidura e citou as verbas do seu concelleiro, Ricardo Rodicio, pronunciadas antes de entrar á sesión. Maceda subliñou que, aínda que «o poder emana do pobo e non dun bastón de mando», nesta ocasión o báculo ía servir de homenaxe ao seu artesán, un veciño do Pino, xa falecido. A continuación, Maceda puxo en valor a xestión do seu equipo nos últimos 12 anos, baseada «na cercanía aos cidadáns, a ilusión que puxemos e a unidade e o esforzo por facer unha Pobra máis agradable».
O rexedor nacionalista destacou o labor realizado polo seu Goberno nos últimos catro anos, e pediu o apoio de todos «para converter A Pobra do Brollón nun exemplo de calidade de vida». •

Investidura de Fernández Guitián como alcalde de Sober, nos primeiros minutos do 15 de xuño. (Foto: MONTERO)

Luis Fernández Guitián alzou de novo o bastón de mando como alcalde de Sober, logo de revalidar, por terceira vez consecutiva, a maioría absoluta co Partido Popular. Guitián tamén repetiu como o rexedor máis madrugador, xa que volveu optar por convocar o Pleno de investidura ás 00,00 horas do sábado 15 de xuño. Na toma de posesión, que puido seguirse por streaming, Fernández Guitián agradeceu a todos os veciños a súa participación nos comicios, e lembrou que é «o alcalde de todos e todas, e traballarei ao servizo de toda a veciñanza». O popular acadou preto dun 70% dos votos nas eleccións do 26-M.

Juan Carlos Armesto tomou o bastón de mando para iniciar a súa etapa como alcalde do Saviñao polo Partido Popular. (Foto: PP Provincial)

Juan Carlos Armesto foi investido alcalde do Saviñao no Pleno celebrado o 15 de xuño. O novo alcalde dá continuidade á maioría absoluta do Partido Popular, que durante sete mandatos liderou Joaquín González, quen seguirá integrado no equipo de Goberno municipal.

José Manuel Arias e o seu equipo de Goberno, o día da toma de posesión do que será o seu sexto mandato á fronte do Concello de Bóveda. (Foto: PP Provincial)

Bóveda deu continuidade a través das urnas á labor do equipo encabezado por José Manuel Arias, do Partido Popular. O rexedor iniciou así o que será o seu sexto mandato á fronte do Consistorio de Bóveda, logo de revalidar a maioría absoluta nas eleccións do 26-M.

Arias tomou posesión do seu cargo o 15 de xuño, xunto ao resto de concelleiros que integran a Corporación. Neste novo ciclo como alcalde, estará acompañado por José Luis Rivera, Dionisio Blanco, Francisco Javier Domínguez, Natividad Rodríguez, Cristina Juiz, Cintia Vidal, Patricia López e Pilar Valcárcel.
Segundo afirmou durante a campaña, José Manuel Arias traballará estes catro anos nun programa centrado no “emprego e no desenvolvemento socioeconómico e industrial de Bóveda”. Con este fin, Arias comprometeuse a ampliar o solo industrial en 90.000 metros cadrados, ademais de completar a rede de pluviais no polígono.
Outros aspectos do programa do rexedor popular para Bóveda inclúen a construción da rotonda na intersección de Bóveda, aplicar aglomerado en quenda na estrada LU-611, completar o proxecto de aforro enerxético nas instalacións municipais, sacar adiante o proxecto de produción de 160 novas hectáreas para uso agrogandeiro, e rebaixar o IBI. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Núñez Feijóo entregou o Premio Agader ao proxecto Montañas do Courel

Seguinte Nova

Paisaxe, gastronomía, tradición e diversión para celebrar a terceira edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: