Crónica del sur de Lugo

Daniel Pérez Díaz proclamouse subcampión de España junior de billar en bola 8 e 9

•Arrancará a vindeira tempada como nº1 do ranking para optar ao Campionato de Europa

Daniel Pérez acumula 10 medallas en campionatos galegos e nacionais. (Foto cedida: T.P.)

O billarista Daniel Pérez Díaz vén de engadir dúas novas medallas nacionais ao seu exitoso palmarés. O mozo pantonés logrou dúas medallas de prata no Campionato de España junior de bola 8 e bola 9, que se celebrou na Coruña o 17 de xuño. Con este rexistro, Pérez suma un total de 10 medallas de nivel galego e nacional, e a piques de estrearse en competición internacional na vindeira tempada.

AO CAMPIONATO DE ESPAÑA ABSOLUTO
Este dobre subcampionato de España supón para Daniel Pérez a culminación dunha tempada que foi “mellor cas outras”, aínda que ninguén lle regalou nada. “Sinxela non foi, porque o pase ás semifinais é complicado”, afirma o pantonés, vinculado dende os seus inicios ao Club Billar Templarios de Monforte de Lemos. Ademais destas dúas pratas nacionais, o de Pantón arañou éxitos en Galicia, participando en varias finais de copas. Con este bo sabor de boca, e antes de ir de vacacións, Daniel Pérez ten un novo reto ás portas. Do 1 ao 7 de xullo, participará nos Campionatos de España absolutos, que son “distintos”, afirma, xa que “depende dos rivais”, aínda que o pantonés non dubida en marcarse como obxectivo “entrar no cadro final” da competición.

MIRANDO A EUROPA
Para o seu último ano como junior, Pérez afronta o máximo desafío da súa carreira deportiva no billar. Como subcampión de España, e posto que o primeiro clasificado xa sae da categoría por idade, Daniel arrancará a vindeira tempada como número 1 no ranking nacional, coas máximas opcións para ir ao Campionato de Europa. “Representar a España sería o máximo, pero hai que ir pouco a pouco, e ver como vai a tempada”, comenta.
A proba europea sería un gran colofón para un deportista que se iniciou no billar aos 5 anos, da man do seu pai, nunha disciplina que esixe “paciencia, ir despacio e moito esforzo”. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio