Máis do 40% das cortas de madeira solicitadas en Galicia o ano pasado foron na provincia de Lugo

•Os datos coñecéronse durante a clausura da Asamblea da Asociación de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo

A Asamblea da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo celebrouse en Outeiro de Rei a mediados de xuño. GPXG

Lugo segue a ocupar un peso importante no sector da madeira en Galicia. Segundo os datos coñecidos na asamblea que, a mediados de xuño, celebrou en Outeiro de Rei a Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, esta provincia concentrou o ano pasado máis do 40% do volume de cortas solicitado.

O DISTRITO SEIS DA MARIÑA, O MÁIS ACTIVO DE GALICIA
As cifras deunas a coñecer neste encontro o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, José Luís Chan. Neste sentido, Chan lembrou que dos 9,7 millóns de metros cúbicos de madeira solicitada para aproveitamento en superficies de xestión privada, 3,9 millóns corresponden a Lugo. Nesta provincia, formalizáronse 28.286 declaracións responsables ou solicitudes de corta.
Tamén en Lugo está o distrito máis activo de toda Galicia en volume de madeira. O distrito seis da Mariña rexistrou 1,4 millóns de metros cúbicos de madeira solicitada para a corta, con 8.505 expedientes, o que supón o 15% do volume solicitado en toda a comunidade.
Dentro da provincia de Lugo, o segundo en máis volume foi o distrito de Lugo-Sarria, con 984.988 metros cúbicos e 7.024 solicitudes, seguido do da Terra Chá, con 936.387 metros cúbicos a través de 6.834 tramitacións.
O distrito de Fonsagrada-Ancares contabilizáronse o ano pasado 2.236 permisos, para cortar 288.719 metros cúbicos. En Terra de Lemos, as cifras de 2018 situáronse en 3.687 solicitudes para xestionar 252.519 metros cúbicos.
MÁIS EFICIENCIA
Na asamblea celebrada en Outeiro de Rei participou o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, quen lembrou a importancia das novas tecnoloxías na corta e na saca da madeira, así como no transporte e na loxística.•

•REUNIÓN DA XUNTA E OS EMPRESARIOS PARA IMPULSAR O USO DA MADEIRA E A BIOECONOMIA

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participa nun encontro sobre a axenda forestal.

A modernización da industria forestal en Galicia é o obxectivo da Axenda de Impulso a este sector no periodo 2019-2021. A Xunta e os representantes da madeira reuníronse a mediados deste mes para avaliar a posta en marcha desta estratexia, que permitirá mobilizar, segundo destacaron dende o Executivo autonómico, máis de 125 millóns de euros nos próximos tres anos, ademais de apoiar a 350 pequenas e medianas empresas, e dar formación a 5.600 persoas. Ademais, a Axenda estima para 2021 un incremento do 6% na facturación e tamén nos empregos directos, para chegar ata os 21.000 postos de traballo.

COS PRINCIPAIS AXENTES DO SECTOR DA MADEIRA
Na reunión, presidida polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participaron representantes do Clúster da madeira e do deseño, da Asociación Galega Monte Industria, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Forestais de Galicia (Coetfoga), da Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga), da Asociación de Empresas de Primeira Transformación da Madeira de Lugo, da Asociación Forestal de Galicia e da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo.

PULO Á BIOECONOMÍA COMO APOSTA SUSTENTABLE DE FUTURO
Os eixos da Axenda baséanse na bioeconomía, o emprego verde e os produtos locais. Dentro destas accións, atópase o fomento do uso da madeira na construción, así como en sectores estratéxicos como a automoción, o naval e o téxtil. Tamén se potenciará a presenza da madeira como fonte de enerxía e no ámbito o deseño.
Así mesmo, a Xunta traballará na promoción da madeira con prescriptores, empresas tractoras e consumidores. •

•SUBVENCIÓNS A 14 PEMES DA SEGUNDA TRANSFORMACIÓN DA MADEIRA

A Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería de Economía, aprobou este mes a resolución das axudas para as empresas galegas que queiran mellorar os procesos produtivos da segunda transformación da madeira. En total, as subvencións aprobadas suman case 1,9 millóns de euros.

MOBILIZAR MÁIS DE 5 MILLÓNS DE EUROS
A liña de axudas, na súa segunda edición, permitirá o impulso de 14 pequenas e medianas empresas das catro provincias galegas, e mobilizará máis de 5 millóns de euros.

SERRADOIROS, CARPINTERÍAS E FÁBRICA DE BIOMASA
En concreto, a Xunta dará apoio a seis empresas da provincia da Coruña, tres de Lugo, outras tres de Pontevedra, e dúas de Ourense. En total, as achegas destínanse a dez serradoiros, tres carpinterías e unha fábrica de biomasa.
Dende a Xunta explicaron que a planta de biomasa, con sede na localidade coruñesa de Brión, disporá de 137.707 euros para mellorar a xestión aplicando as novas tecnoloxías e a intelixencia artificial.

AXUDAS DE ATA 200.000 EUROS POR EMPRESA
A contía máxima das achegas é de 200.000 euros. Esta foi a cantidade destinada a unha serrería da localidade pontevedresa de Valga, para instalar unha liña de canteado automático. O mesmo importe recibiu unha firma de Lugo, para incorporar nova maquinaria.

INNOVACIÓN E COMPETITIVIDADE SOSTIBLES
Segundo destacaron dende a Consellería, todos os proxectos que foron seleccionados para estas axudas pretenden aumentar a produtividade, implantar técnicas que permitan elaborar novos produtos ou produtos con valor engadido, ou ben poñer en marcha procesos con menor impacto medioambiental.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O club Neka remata unha «histórica» tempada con 31 medallas no Torneo Cidade de Ourense de taekwondo

Seguinte Nova

Monforte prepárase para acoller en setembro o Campionato Galego de Ciclismo Fondo en Estrada

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: