Crónica del sur de Lugo

Seoane estreará en xullo a primeira Xornada de Turismo Científico para o público en xeral e profesionais do sector

•Os responsables da Deputación tamén presentaron un vídeo promocional sobre Ancares-Courel como destino de turismo científico, unha guía e cinco itinerarios temáticos

O deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal, presentou as novas medidas promocionais do turismo científico en Ancares- Courel. GPDL

A promoción das Montañas de Ancares-Courel como destino de turismo científico vén de dar un novo paso, da man da Deputación de Lugo. O deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal, presentou a mediados deste mes unha batería de medidas para impulsar este territorio, que acadou o ano pasado a categoría de Espazo Observer de Turismo Científico. Entre as novas actividades, están unha xornada divulgativa para o público en xeral e profesionais do sector, unha guía, un vídeo promocional e 5 itinerarios temáticos.

35 PRAZAS PARA A XORNADA DIVULGATIVA
O 6 de xullo, terá lugar no municipio de Folgoso do Courel a primeira Xornada de Turismo Científico, con 35 prazas nas que inscribirse en cursos.deputacionlugo.org/turismo2.
O evento reunirá na localidade de Seoane a profesionais das ciencias da natureza, a enxeñería forestal e o turismo científico, que falarán sobre micoloxía, árbores senlleiras do Courel, a recuperación do oso pardo ou a ciencia cidadá como recurso participativo. A xornada, aberta ao público en xeral, inclúe tamén un espazo destinado a empresarios da hostelería, axencias de viaxes, restaurantes, hoteis e empresas de actividades que estean interesados en poñer en marcha negocios no entorno das Montañas Ancares-Courel. Con este fin, a Xornada acollerá pola tarde un obradoiro de creatividade e modelos de negocio en turismo científico.
ONDE PRATICAR TURISMO CIENTÍFICO
Xunto coa presentación da Xornada, deuse a coñecer o vídeo promocional que, baixo o título “Turismo Científico: Montañas de Ancares e Courel, Destino de Turismo Científico”, recolle as mellores imaxes das localizacións máis idóneas para a prática deste tipo de turismo.

GUÍA DIXITAL
O paquete de medidas para divulgar o Espazo Observer Ancares-Courel de Turismo Científico complétase coa próxima edición dunha guía que, en formato dixital, amosará ata 50 puntos de interese deste territorio.

RUTAS GUIADAS CO MÓBIL
Por último, vanse poñer en marcha 5 itinerarios sobre xeoloxía, botánica, ecoloxía, zooloxía e arqueoloxía, sinalizados con paneis explicativos e códigos QR e NFC (tecnoloxía sen fíos de curto alcance), para seguilos a través do móbil. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio