Crónica del sur de Lugo

En marcha as obras para acondicionar a hospedería do Mosteiro de Ferreira

•A Xunta inviste 512.000 euros nestes traballos, que dotarán a Pantón dun novo e singular espazo de aloxamento

O alcalde de Pantón, José Luís Álvarez, acompañou ao delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a supervisar o inicio das obras no Mosteiro de Ferreira, o 14 de xuño. GPXG

A mediados de xuño, arrancaron os traballos para acondicionar unha hospedería no conxunto do mosteiro de Santa María de Ferreira, en Pantón. O investimento da Xunta, que ascende a 512.000 euros, permitirá habilitar unha zona de aloxamento neste entorno monumental, ademais de dotalo cun espazo multifuncional para acoller e informar aos que visiten esta zona da Ribeira Sacra.

REMATE ANTES DE FINAL DESTE ANO
As obras, que está previsto completar nun prazo de seis meses, aproveitan diversas zonas do mosteiro que estaban sen uso. Segundo destacou o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, no arranque das obras, o proxecto vai recuperar a funcionalidade da antiga hospedería, e poñerá en valor a casa do capelán e a torre barroca do mosteiro.

ESPAZO DIVULGATIVO DO CONXUNTO MONUMENTAL DE FERREIRA E DA RIBEIRA SACRA
Na mesma ala leste do edificio, a planta baixa estará reorganizada para incluír unha recepción da hospedería, un espazo de información turística sobre o mosteiro e o conxunto da Ribeira Sacra, e un acceso aos cuartos e tamén á torre barroca. Este servizo disporá dunha nova escaleira e un ascensor.
Pola súa banda, a distribución da primeira planta incluirá catro cuartos dobres, unha sala de almorzos, dúas habitacións individuais, outras dúas salas de uso comunitario, e varias dependencias accesorias.

FACILITAR O “USO CULTURAL” DO MOSTEIRO
Balseiro, que estivo acompañado polo alcalde de Pantón, José Luís Álvarez, salientou tamén que as obras van facilitar “o uso cultural do mosteiro”, considerado Ben de Interese Cultural coa categoría de Monumento dende 1975. As obras permitirán dispoñer de aseos exteriores, así como ampliar o percorrido das visitas, para ofrecer novos contidos e instalacións.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio