Crónica del sur de Lugo

Tradición xacobea, restauración e espazos de cristianización protagonizan as XXXII Xornadas da Rota do Románico

•O programa prolongarase ata o mes de agosto • As actividades inclúen un concerto de jazz e un roteiro polo Camiño de Inverno

O románico é unha das señas de identidade do municipio de Pantón. Arquivo EC

O programa das XXXII Xornadas da Rota do Románico xa está en marcha en Pantón, con novos enfoques sobre a riqueza patrimonial deste municipio e do sur de Lugo.
A primeira conferencia desta edición tivo lugar o día 7 deste mes, a cargo de Antonia Pérez Naya. A arquitecta, doutora e profesora na Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, falou sobre o cementerio como espazo de memoria e silenciado.

MÚSICA NO MOSTEIRO DE FERREIRA
A música ocupará a vindeira cita con esta programación cultural. O 16 de xuño ás sete da tarde, a igrexa do Mosteiro das Bernardas de Ferreira acollerá a VIII Edición da Sinfonía no Mosteiro, desta volta co trío de corda Concertino.
CAMIÑO DE INVERNO
O día 22 ás sete e media, Aida Menéndez presentará o II Anuario Vía Jacobitana do Camiño de Inverno, acompaña por Manola Porto e Flora Enríquez. Sabor xacobeo tamén terá a actividade do día 23, no que está previsto un roteiro polo Camiño de Inverno, con visita ás igrexas de Santiago e San Vicente de Castillón. O punto de encontro será diante do Concello de Pantón, ás nove e media da mañá.
O 28 de xuño será unha xornada con dobre actividade. O historiador da cultura Felipe Senén ofrecerá unha conferencia sobre a arqueoloxía arredor dos santiños e a cristianización da Ribeira Sacra. A continuación, terá lugar a apertura da exposición “La luna y las mareas”, de Antonio Pazos.
A programación recupérase en xullo, cun acto multidisciplinar o día 7, no que haberá poesía e música, ademais de presentar o resultado da restauración da talla románica do Cristo da Maxestade de Santa María de Ferreira.
Os actos pecharanse o 7 de agosto, cun concerto de jazz na igrexa de Atán. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio