Crónica del sur de Lugo

Galega 100%, o selo lácteo que marca a garantía no mercado

• Este distintivo, impulsado pola Xunta, avala e certifica o leite producido en Galicia e con calidade diferenciada

O consumo do leite esixe as máximas garantías de calidade e procedencia, para aproveitar todos os seus beneficios. (Foto: Pixabay)

Os consumidores de leite están a confiar cada vez máis no selo Galega 100%, un distintivo consolidado no mercado para identificar o leite producido na nosa Comunidade e coas máximas garantías. En menos dun ano, o selo Galega 100%, impulsado pola Xunta, situouse como a referencia indiscutible do leite de calidade procedente das granxas e plantas de envasado situadas en Galicia. Con esta marca, a Xunta continúa poñendo en valor o leite galego e dando resposta a unha vella demanda do sector.

GARANTÍA DE CONTROL NA PRODUCCIÓN E TAMÉN NO PRODUTO FINAL
O selo Galega 100% estreouse no mercado o 7 de febreiro de 2011, sendo a única identificación que garante o leite galego de calidade diferenciada. Os produtos etiquetados con este distintivo proceden de ganderías incorporadas ao Rexistro Galego de Explotacións de Calidade Diferenciada. Todas as granxas incluídas neste Rexistro están sometidas aos controis dos servizos veterinarios oficiais da Xunta de Galicia. Ademais, o leite producido nestas explotacións, así como os seus derivados, están garantidos pola certificación de calidade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL).

SELO DE CALIDADE EN MÁIS DE 30 PRODUTOS
Lanzar ao mercado un distintivo que identificara o leite de Galicia e a súa calidade específica foi unha iniciativa da Xunta de Galicia, á que pronto se adheriron catro das grandes marcas comerciais (Leyma, Feiraco, Larsa e Deleite). Na actualidade, pode encontrarse este selo de calidade en máis de 30 produtos, de case unha vintena de marcas. A aposta pola calidade diferenciada inclúe queixo brando e leite pasterizado e UHT, así como iogur natural, azucarado, aromatizado e con froitas, xunto a xeados, crema, petit, leite callado ou flan.

SECTOR ESTRATÉXICO PARA GALICIA
A importancia do selo Galega 100% responde ao feito de que o lácteo é un sector estratéxico para Galicia. A nosa comunidade concentra máis da metade das explotacións gandeiras que hai no conxunto de España, cunha produción de case o 40% do leite nacional. De feito, en 2018, Galicia consolidouse como líder indiscutible no sector lácteo nacional, cunha producción de 2,8 millóns de toneladas.
A nivel europeo, estas cifras sitúan á nosa comunidade nun lugar preferente do ranking de rexións produtoras de leite, sendo a oitava potencia láctea da Unión Europea.

PROMOCIÓN PARA O NOSO LEITE DE CALIDADE DIFERENCIADA
Achegar ao consumidor o significado do selo Galega 100% é o obxectivo das diversas accións promocionais que está a desenvolver a Consellería do Medio Rural, aproveitando eventos sociais, deportivos e comerciais.
No primeiro semestre de 2019, a marca Galega 100% puido verse en sete eventos vinculados á gastronomía e ao deporte. O distintivo de calidade diferenciada do leite de Galicia estivo presente no Forum Gastronómico da Coruña, a feira Xantar de Ourense, e o Expordes 2019. Tamén se fomentou o consumo do leite co distintivo Galega 100% na carreira pedestre de Frades e en varios partidos de baloncesto celebrados en Ourense.
Ademais, a Consellería do Medio Rural leva distribuídos dende xaneiro preto de 30.000 unidades de briks de leite identificados co selo Galega 100%. Os briks van acompañados de folletos que explican como atopar estes produtos nos puntos de venda, e coñecer así as garantías de calidade que ofrece este selo.
Deste xeito, o consumidor saberá que está a mercar un produto de Galicia e dunha calidade excepcional. •

• MÁXIMO CONTROL PARA A MÁXIMA CALIDADE

Selo do leite de calidade diferenciada Galega 100%. CMR

•CONTROL OFICIAL: O selo Galega 100% é exclusivo dos operadores autorizados polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), único organismo certificador desta marca.

PROCEDENCIA E CARACTERÍSTICAS DO LEITE: O distintivo Galega 100% garante que a materia prima procede exclusivamente das granxas inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada.

•Para estar neste Rexistro, as explotacións deberán ter a carta verde de saneamento gandeiro, demostrar un historial de cumprimento acreditado de varios parámetros de calidade no leite (entre eles, o de non se ter detectados nos últimos 6 meses, nin en mostras oficiais nin en mostras de autocontrol, residuos de antibióticos). Ademais, as granxas estarán exentas de sanción por incumprimentos en condicionalidade, sanidade e benestar animal, e en seguridade alimentaria nos últimos 6 meses.

TRAZABILIDADE. O proceso que vai dende a produción do leite na granxa ata a súa entrada no centro de transformación faise segundo o establecido no Real Decreto 217/2004, do 6 de febreiro, que identifica os axentes, establecementos e colectores que interveñen no sector lácteo, así como os movementos do leite. Todo isto, supervisado polos servizos oficiais da Xunta de Galicia.
Así mesmo, cada operador autorizado, baixo a supervisión e cos correspondentes controis da Xunta de Galicia, acreditará que dispón dun sistema que garanta a trazabilidade do produto dende a transformación ata o punto de venda.•

1 DE XUÑO, DÍA MUNDIAL DO LEITE

• Galicia vén de sumarse á celebración, o primeiro de xuño, do Día Mundial do Leite. A cita, en marcha dende o ano 2001, é unha iniciativa da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), coa que se pretende incentivar o consumo do leite e produtos lácteos entre a poboación, dados os beneficios que ten para a saúde.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio