Crónica del sur de Lugo

A Pobra do Brollón, pioneira no estudo arqueolóxico das orixes da Ribeira Sacra

•O equipo dirixido por Xurxo Ayán localizou un posible mosteiro primitivo na parroquia de Vilachá, que podería explicar a implantación monástica vinculada ao viño

As escavacións no lugar de Os Conventos, situado no Val do Frade, na parroquia de Vilachá, comezaron a segunda semana de maio. (Fotos: Adegas da Memoria

As terras da Pobra do Brollón seguen a dar sorpresas de gran interese para afondar na historia e na configuración desta parte da Ribeira Sacra. A comezos de maio, arrancaba no lugar de Os Conventos unha nova escavación, dirixida polo arqueólogo Xurxo Ayán e coa participación do Incipit-CSIC, co obxectivo de comprobar a existencia dun primitivo mosteiro.

TOPONIMIA, TRADICIÓN ORAL DOS VECIÑOS, E UN DOCUMENTO MEDIEVAL APUNTAN AO MISTERIOSO MOSTEIRO
Ademais do dato que suxire a propia toponimia do lugar, emprazado no Val do Frade, as pescudas apóianse na testemuña dos veciños da parroquia de Vilachá, que sempre falaron dun antigo convento e dos grandes muros que se atopan nesta localización. Así mesmo, o equipo tivo en conta os datos aportados por un documento medieval, no que se fai mención ao “Mosteiro de San Martiño de Piñeira”, actualmente sen localizar. Segundo as estimacións a partir deste documento, as lindes do mosteiro corresponderían coa ribeira do Val do Frade.
Nas primeiras xornadas da escavación, estase a avanzar na determinación de importantes muros, indicios dunha “construción estraña”, que non teñen parecido cos muros das terrazas vinícolas da zona. Ademais, neste espazo apareceron cubículos de uso descoñecido, con muros de ata dous metros de altura. Ayán adiantou que os muros parecen ser de épocas diversas, integrados nun edificio “bastante monumental que, co tempo, reaproveitouse para a construción de pataos e traballos vitícolas en xeral”.

As escavacións no lugar de Os Conventos, situado no Val do Frade, na parroquia de Vilachá, comezaron a segunda semana de maio. (Foto: Adegas da Memoria

PROXECTO DE DIVULGACIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL E DAS SÚAS XENTES
As primeiras descubertas na escavación inclúen pezas de cerámica, “moi útiles para a datación do xacemento”. Algúns deste obxectos puideron ser vistos pola veciñanza en primicia, durante a proxección da segunda tempada da serie documental “Adegas na Memoria”. Este proxecto de divulgación é unha iniciativa da Asociación de Veciños de Vilachá e o Concello da Pobra do Brollón. O seu alcalde, Xosé Lois Maceda, destacou que a escavación “coloca ao municipio como pioneiro na investigación arqueolóxica da Ribeira Sacra”.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio