Crónica del sur de Lugo

A sinalización do Xeoparque Montañas do Courel, entre os proxectos que terán axudas da Xunta

•A Consellería de Cultura e Turismo resolveu 33 achegas na provincia de Lugo por un total de 760.000 euros • A maior parte das iniciativas que se subvencionarán están na zona sur

Balseiro presentou a resolución das axudas de Turismo para os concellos da provincia de Lugo, o 6 de maio. GPDTL

A agrupación de concellos formada por Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel disporá dunha axuda de case 16.000 euros para levar adiante a sinalización do Xeoparque Montañas do Courel. Esta foi unha das once achegas concedidas pola Consellería de Cultura e Turismo este mes, e que van destinadas a impulsar as infraestruturas turísticas no rural. No total da provincia, a Consellería aprobou 760.000 euros, que suporán o 65% do financiamento de 33 proxectos. No seu conxunto, estas accións mobilizarán un investimento de 1,2 millóns.

SUBVENCIÓNS PARA ROTEIROS E ACONDICIONAMENTO DE ESPAZOS
Ademais da aportación ao impulso do recentemente declarado Xeoparque Mundial, os concellos da comarca quiroguesa percibirán outras achegas autonómicas. Así, Quiroga poderá facer melloras en miradoiros e na sinalización de áreas xeográficas cunha aportación de 9.863 euros da Xunta. O importe medra ata os 12.000 euros no caso de Ribas de Sil, cantidade que destinará aos itinerarios paisaxísticos do complexo arqueolóxico-mineiro do Covallón e ao dos Xeomiradoiros. Pola súa banda, Folgoso percibirá 31.395 euros para acondicionar diversos recursos turísticos do municipio.

ACCESOS A PUNTOS DE INTERESE E SENDEIRISMO
Na comarca de Chantada, Carballedo beneficiarase dunha aportación da Xunta de 7.700 euros para o acondicionamento dos accesos á igrexa de Chouzán. Para o concello de Chantada, está aprobada unha achega de 8.870 euros para a promoción e mellora da ruta homologada dos viñedos de Belesar.

NO VAL DE LEMOS
Así mesmo, na comarca de Lemos a Xunta resolveu cinco subvencións. Sober contará con 31.478 euros para a recuperación e posta en valor dos alpendres tradicionais do santuario de Cadeiras. Para Monforte, a Consellería aprobou 40.530 euros para a iluminación ornamental da Torre da Homenaxe e a sinalización do patrimonio cultural do casco histórico. No caso de Pantón, a axuda autonómica será de 20.500 euros para a iluminación ornamental do Mosteiro de Ferreira. Unha finalidade similar, aplicada ás igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño, Diomondi e da Cova, ten o proxecto do concello do Saviñao subvencionado con 22.820 euros, e que tamén se desenvolverá na Devesa de Escairón. A Pobra do Brollón disporá de 31.450 euros para a creación da ruta pola Capela de San Vitoiro e a Mesa dos Catro Cabaleiros. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio