Crónica del sur de Lugo

Melloras en viais de Sarria e do Saviñao, e creación dun espazo deportivo en Sober, entre os novos investimentos provinciais

•A Deputación vén de aprobar accións na provincia por un total de 1,6 millóns

O presidente da Deputación, Darío Campos, deu a coñecer as novas accións aprobadas polo organismo provincial, o 3 de maio. GPDL

Na primeira Xunta de Goberno do mes de maio, a Deputación de Lugo deu luz verde a novos investimentos por valor global de 1,6 millóns de euros. Segundo precisou o mandatario provincial, Darío Campos, os fondos vanse destinar “á mellora de máis servizos públicos en zonas rurais dos concellos”, ademais de “impulsar o sector agrogandeiro e poñer en valor o territorio da provincia”.

200.000 EUROS PARA 2 ESTRADAS EN SARRIA, E 390.000 PARA A DE FERREIRA A CURRELOS
No tocante ás infraestruturas, o organismo provincial aprobou unha partida de 200.000 euros para mellorar preto de cinco quilómetros de dúas estradas en Sarria. En concreto, os arranxos vanse acometer no vial que vai de Samos por Pintín a Sarria, e de Pedrafita por Sabadelle a Vilanova de San Vicente de Froián.
Outra das actuacións servirá para acondicionar oito quilómetros da estrada de Ferreira a Currelos, no Saviñao, cun investimento de case 390.000 euros.

PISTA POLIDEPORTIVA EN ROSENDE
No sur de Lugo, a Deputación aprobou investir case 40.000 euros para construír unha pista polideportiva na parroquia soberina de Rosende.
Tamén teñen luz verde as 120 novas marquesiñas para instalar en todos os concellos da provincia, por valor de 200.000 euros. Nos concellos con máis quilómetros de estradas provincias colocaranse dúas, como é o caso do Saviñao, Chantada, Folgoso do Courel, Pantón e Carballedo, no sur de Lugo. No resto, instalarase unha marquesiña.

TERRAS ABANDONADAS
Por último, a Deputación aprobou 100.000 euros para recuperar terras abandonadas e impulsar a actividade agrogandeira. Dende a segunda semana de maio está aberto o prazo para solicitar as axudas, que achegan 500 euros por hectárea, ata un máximo de 9.000 euros por beneficiario. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio