Crónica del sur de Lugo

Etnografía e calidade para celebrar a 19ª Mostra do Aceite de Quiroga

•O muíño artesanal de Bendilló volverá funcionar o domingo 12 de maio

Cinco colleiteiros levarán o seu aceite ao recinto feiral das Farrapas, na parroquia quiroguesa de Bendilló. Arquivo EC

A exaltación dun dos produtos máis singulares do sur de Lugo terá como protagonista a comarca de Quiroga. O domingo 12 de maio, celebrarase a Mostra do Aceite en Bendilló, evento que acada este ano a súa edición número dezanove, coa participación de cinco colleiteiros.

CATA DAS MOSTRAS
Pedro Soto Losada, José Manuel López Maseda, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez e Manuel Mondelo Rodríguez achegarán a veciños e visitantes o aceite que colleitan e elaboran nas súas plantacións de oliveiras. Un grupo de membros cualificados da asociación Amigos do Aceite de Quiroga e Gallaecia (AMIAQUIGAL) procederá a catar as mostras de aceite presentadas por estes produtores, nun acto que terá lugar na sala de catas do Museo Etnográfico o venres 10 de maio ás sete da tarde.

MUÍÑO EN MARCHA TODO O DÍA
A axenda festiva do domingo 12 de maio arrancará ás once e media, coa posta en marcha do muíño artesanal de Bendilló. Durante toda a xornada, os visitantes poderán coñecer en directo como se elaborou o aceite de Quiroga durante séculos. Ademais do valor etnográfico, a almazara de Bendilló compón un conxunto de gran interese patrimonial, dada a proximidade da Capela de San Xoán das Farrapas.
O ambiente da Mostra de Bendilló estará amenizado coa música do Grupo de Gaitas O Recanto e do Grupo de Danza San Martiño. Ás doce, terá lugar a cata comentada dos aceites, na Capela das Farrapas. No recinto, haberá postos de polbo e churrasco, e venda de produtos típicos. •

•O ACEITE, PRESENTE NO REFRANEIRO QUIROGUÉS

Obtención de aceite na demostración do muíño artesanal durante a Mostra. Arquivo EC

• O cultivo da oliva e a obtención do aceite formou parte integral da vida da comarca quiroguesa durante séculos. Proba desta herdanza é o refraneiro, que deixou pezas de gran expresividade, e que poden lerse no programa de man da Mostra do Aceite de Quiroga.
Este saber popular resume en poucas verbas as bondades do aceite e as previsións sobre a colleita: “Ano xeadeiro, ano aceiteiro”, “Aceite e viño, bálsamo divino”, “Augas por San Xoán, quitan viño, aceite e pan”. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio