Crónica del sur de Lugo

As Montañas do Courel xa son oficialmente Xeoparque Mundial da Unesco

• Montañas do Courel é o primeiro Xeoparque Mundial de Galicia e do noroeste peninsular, e o 13 de España • Esta categoría da UNESCO téñena recoñecida un total de 141 territorios de todo o mundo

O pregamento de Campodola-Leixazós é unha das singularidades xeolóxicas que caracterizan o conxunto do Xeoparque Montañas do Courel. GPDL

O pasado 12 de abril, coñeceuse a confirmación oficial do recoñecemento, por parte da UNESCO, do conxunto Montañas do Courel como Xeoparque Mundial. Este territorio, que abrangue os municipios de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, convértese no primeiro Xeoparque Mundial de Galicia e do Noroeste peninsular, e no 13 de toda España. Con este recoñecemento, o espazo do Courel contará cunha especial protección, ademais de participar en accións conxuntas a nivel mundial para a posta en valor do territorio e a promoción das súas xentes. Segundo o programa da UNESCO, os Xeoparques pretenden “resaltar a xeodiversidade e promover as mellores práticas de protección, educación e turismo”.

Os alcaldes de Quiroga e Folgoso, o tenente de alcalde de Ribas de Sil, e o xerente do GDR Ribeira Sacra-Courel, impulsores do proxecto Montañas do Courel, cos examinadores da UNESCO, na visita que realizaron á zona en xullo de 2018. Arquivo GPDTL


A candidatura deste territorio á categoría Xeoparque das Nacións Unidas arrancou por iniciativa dos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, e do GDR Ribeira Sacra-Courel. No camiño, contaron co apoio da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, que aportaron achegas económicas para levar a cabo accións promocionais e de xestión.
Trala noticia deste recoñecemento, o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, salientou que “a partir de agora, xa hai unha razón máis para descubrir as montañas do Courel”. Así mesmo, o presidente da Deputación, Darío Campos, afirmou que esta “é unha declaración histórica para a nosa provincia, e un extraordinario impulso para o turismo da zona”. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio