A Deputación xa dispón das parcelas para os centros de maiores de Folgoso, A Pobra do Brollón e Portomarín

•A residencia da Pobra atenderá a 30 maiores, e o complexo de Folgoso do Courel dará servizo a 52 usuarios

O presidente da Deputación, Darío Campos, logo da Xunta de Goberno celebrada o 12 de abril. GPDL

Dende mediados de abril, a Deputación conta cos terreos para emprender a construción dos centros de maiores de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Portomarín.

EN CONXUNTO, OS TRES CENTROS ATENDERÁN A 136 MAIORES
A Xunta de Goberno do día 12 aprobou a aceptación das parcelas que cederon os concellos. Darío Campos Conde, presidente do organismo provincial, valorou este paso cara á posta en marcha destes servizos aos maiores. «Estamos tamén a solicitar as licenzas municipais para iniciar, canto antes, as obras dos centros, nos que poderemos atender a 136 maiores».
O mandatario provincial explicou que a residencia da Pobra do Brollón dará servizo a 30 maiores, mentres que en Folgoso do Courel construirase unha residencia e centro de día con 52 prazas en total. Pola súa banda, en Portomarín a Deputación construirá 13 apartamentos tutelados para acoller a 54 usuarios.
Na Pobra do Brollón, a parcela cedida polo Concello está situada xunto á Avenida de Outeiro e o centro de día municipal. Para a súa construción, o organismo provincial destina 1,6 millóns de euros.

16 HABITACIÓNS DOBRES CON BAÑO
O proxecto de residencia e centro de día de Folgoso do Courel está a piques de ser aprobado definitivamente, para poder iniciar a súa contratación, segundo Campos Conde. O edificio, de dúas plantas, estará emprazado xunto á rúa do colexio. Na primeira planta irán as 16 habitacións dobres, de 24 metros cadrados cada unha e con baño propio adaptado. Na planta semisoto situaranse os espazos comúns do centro de día e da residencia, ademais do comedor, a sala de actividades e outros servizos. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta ofrece aos maiores lucenses 366 prazas para desfrutar dun lecer saudable en catro balnearios da provincia

Seguinte Nova

Patrimonio, tradicións e sabor con música e animación na 28º Feira do Viño de Vilachá

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: