Intensa axenda para desfrutar da XVII Feira Medieval de Monforte

Durante a celebración do Mercado Medieval, o alcalde deu a coñecer os detalles do programa da XVII Feira Medieval, que terá lugar o 20 e 21 de abril. GPCM

. Na fin de semana do 20 e 21 de abril, Monforte enxalzará a súa historia coa celebración da XVII Feira Medieval.

RÉCORD DE POSTOS E DE INVESTIMENTO EN ACTIVIDADES
Este ano, o evento acolle un número récord de postos, con 117, para ofrecer unha ampla variedade de produtos en artesanía, gastronomía e comercio. Ademais, o Concello de Monforte aumentou a dotación económica para as actividades da Feira en 7.466 euros, ata acadar os 68.265 euros, un 12% máis que na pasada edición, e un 65% máis que hai catro anos. Deste xeito, e segundo explicou o alcalde de Monforte, José Tomé, na presentación do programa, manteranse moitas das actividades máis exitosas de edicións anteriores, e presentaranse novidades para facer a Feira Medieval aínda máis atractiva.

NOVIDADES DO PROGRAMA
A mañá do sábado abrirase con pregoeiros, que anunciarán pola rúa as actividades da Feira, na que haberá máis espectáculos, ademais da estrea dunha actuación de acróbatas na Praza de España. A apertura oficial da Feira irá acompañada, por terceiro ano, por unha salva de artillería, empregando unha réplica dunha bombarda do século XIV. Na noite do sábado, incrementarase ata 200 o número de fachos que se reparten no Campo da Virxe para a subida ata San Vicente. Esta exitosa actividade tamén se verá reforzada coa queima da fachada do Pazo dos Condes de Lemos, previa á solta de faroliños dende a Praza Luis de Góngora. Ademais, recupérase a Cea Medieval no Parador de Monforte, na que as persoas interesadas poden inscribirse no correo monforte@parador.es, ou a través do teléfono 982 41 84 84.

ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS
Este ano, o Campamento Medieval da Asociación de Recreación Histórica Cabaleiros de Ulver consolídase con numerosas actividades e unha exposición de armeiros de época. O Campo de San Antonio acollerá o espectáculo de aves de rapina e cetrería, e o espazo da contorna do Convento das Clarisas será o escenario, como o ano pasado, do Campamento Infantil Medieval. Pola súa banda, a Caravana das Burriñas realizará itinerarios dende a Praza do Doutor Goyanes. A Feira completarase co espectáculo das Xustas Medievais, no campo de terra dos Escolapios. •

Folleto do programa da XVII Feira Medieval de Monforte: portada e rueiro informativo. GPCM
Folleto do programa da XVII Feira Medieval de Monforte: listado de actividades, horarios e ubicacións. GPCM

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Mª Balbina Álvarez Rodríguez, primeira muller na Confraría do Viño de Quiroga

Seguinte Nova

Os catamaráns da Deputación xa teñen case 8.000 reservas ata final de ano

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: