Crónica del sur de Lugo

Mª Balbina Álvarez Rodríguez, primeira muller na Confraría do Viño de Quiroga

• A institución quiroguesa incorpora a presenza feminina seis anos despois de constituírse

A incorporación de Mª Balbina Álvarez Rodríguez como membro da Confraría do Viño de Quiroga oficializouse durante un acto celebrado o 6 de abril. (Foto: TELEQUIROGA)

Mª Balbina Álvarez Rodríguez vén de marcar un fito na recente historia da Confraría do Viño de Quiroga. O sábado 6 de abril, tivo lugar na Casa do Concello a investidura da que é a primeira confrada desta formación.
Mª Balbina recibiu a capa e o sombreiro distintivo da Confraría, para participar a continuación nos primeiros actos oficiais como membro desta institución. Álvarez desfilou xunto ao resto dos confrades pola rúa Real ata a sala de catas do Museo Etnográfico, onde a Confraría procedeu a catar as mostras que tomarán parte na XXXVII Feira do Viño de Quiroga.
A nova confrada asistiu ao seu primeiro capítulo ordinario, e ao remate, desfrutou do tradicional xantar deste colectivo.
Os actos oficiais do día 6 foron a culminación dun proceso que se iniciou o 9 de marzo pasado, coa elección de Mª Balbina pola asamblea desta institución. •

• O ACTOR QUE INTERPRETA A AMADOR NA SERIE “LA QUE SE AVECINA” , PREGOEIRO NA XXXVII FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA

A XXXVII Feira do Viño de Quiroga será os días 20 e 21 de abril. Para preparar a gran cita vinícola da fin de semana de Pascua, o Concello de Quiroga está a desenvolver diversas actividades, que inclúen deporte, música, cultura e gastronomía.

VIII CONCURSO DE TAPAS. Ata o 19 de abril, está en marcha unha nova edición do roteiro Quiroga de Tapas, no que participan os establecementos Adega de María, Ciber-Café A Pedra, Bar Las Palmeras, Bar Quiper, Pub Ruxe-Ruxe, A Taberna, Bar Lago, Bar Félix, Casa Torres, Bar Chapakuña 3, Mesón Ferreiriño, O Rego Gastrobar, e Restaurante O Roxo Vivo. Entre os clientes que cubran o tapacartón, sortearanse 10 premios, entre os que hai varias ceas e xantares, estancias en casas rurais, e un premio en metálico de 300 euros.

XV CARREIRA POPULAR FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA. A tradicional proba deportiva, que terá lugar o 19 de abril, é a única carreira de Galicia e de España que se celebra na tarde do Venres Santo. A primeira saída, correspondente ás categorías menores, será ás 16,15 horas, e a absoluta comezará ás 17,00. A inscrición, que estará aberta ata o 17 de abril, realizarase na páxina web www.championchipnorte.com.

IX CONCURSO DE CAMISETAS “FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA”. Este certame desenvolverase durante toda o sábado 20 de abril, primeiro día da Feira. Os premios entregaranse pola noite, sobre as 21,15 horas, no palco da música, durante a festa popular amenizada polo Grupo Atenas.

X CERTAME CELTIBÉRICO DE BANDAS DE GAITAS. A cita deste ano homenaxea a Manuel Méndez Silvelo, gaiteiro de Outeiro que ademais é poeta, cantor, artesán e percusionista. No encontro de Quiroga, que terá lugar a partir das 12, participarán unha ducia de bandas das provincias de Lugo, Ourense e A Coruña. Ademais do Encontro Infantil de Bandas, as formacións de música tradicional desfilarán pola rúa Real, e ofrecerán unha actuación na Praza de España.

MÚSICA E PREMIOS NO AUDITORIO DE QUIROGA. O sábado 20 de abril, a partir das 19 horas, a actividade concentrarase no Auditorio Municipal, coa actuación da Coral de Quiroga, o Grupo de Gaitas Alecrín, e os Grupos de Danza San Martiño e Arume da Queiruga. A continuación, procederase á entrega dos premios do XVI Certame Cartas de Amor Vila de Quiroga.

PREGÓN DO ACTOR PABLO CHIAPARELLA, AMADOR NA SERIE “LA QUE SE AVECINA”. Tamén o sábado, ás 20,30 horas no palco da música, o actor Pablo Chiaparella, que interpreta o papel de Amador Rivas na serie de Telecinco “La que se avecina”, lerá o pregón da Feira, nun acto presentado polo xornalista Xosé Manuel Orriols.

MÚSICA E TROFEOS AOS COLLEITEIROS O DOMINGO. Na mañá do domingo 21 de abril, o Grupo de Gaitas O Recanto abrirá os festexos con alboradas polo recinto da Feira. Logo da recepción das autoridades na Casa do Concello, ás 12,45 entregaranse os trofeos aos colleiteiros, tamén na Casa Consistorial. A música continuará pola tarde no recinto feiral, coa actuación, a partir das 18 horas, da charanga Fuego. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio