Crónica del sur de Lugo

As casas rurais terán unha clasificación turística por estrelas

• O conselleiro de Turismo, Román Rodríguez, destacou que esta medida “aposta por dar unha maior seguridade tanto a clientes como a propietarios”

Román Rodríguez apuntou á clasificación en estrelas para as casas rurais como unha das medidas da Estratexia de Turismo Rural na que traballa a Xunta. (Foto: Xoán Crespo).

As casas de turismo rural en Galicia clasificaranse por estrelas como os establecementos turísticos convencionais. Esta é unha das iniciativas que a Consellería de Turismo vai propoñer dentro da Estratexia de Turismo Rural na que está a traballar.

ESTRELAS SEGUNDO A CALIDADE E OS SERVIZOS QUE OFRECEN
Segundo explicou o conselleiro, Román Rodríguez, nunha comparecencia voluntaria no Parlamento de Galicia a mediados deste mes, esta clasificación terá en conta a calidade de cada un dos establecementos de turismo rural, e os servizos que ofrece.

MÁIS OFERTA TURÍSTICA CON “NOVAS EXPERIENCIAS” E APROVEITANDO “OS RECURSOS PROPIOS DO RURAL”
Na súa intervención na Cámara galega, o conselleiro subliñou que esta “proposta innovadora” pretende mellorar a profesionalización deste tipo de aloxamentos turísticos, ademais de equiparalos ao resto de establecementos e de promover os servizos que ofrecen. “É unha iniciativa que busca aumentar a oferta turística con novas experiencias que poñan en valor o noso rural, aproveitando os seus recursos propios”, insistiu Rodríguez.
MÁIS MEDIDAS
Dentro das accións destinadas a impulsar este sector, o conselleiro de Turismo lembrou as dúas liñas de axudas, abertas en xaneiro, do Plan de Mellora de Aloxamentos Turísticos, dotadas con 4 millóns de euros e que beneficiarán a máis de 500 establecementos de toda Galicia.
O departamento que dirixe Román Rodríguez tamén está a deseñar o Galicia Sabe, un programa co que se busca impulsar o turismo enogastronómico a través da posta en valor da nosa tradición culinaria e dos produtos autóctonos. Ademais do eido turístico, a estratexia Galicia Sabe pretende potenciar a competitividade e o emprego no sector primario. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio